Axendas pechadas para citas de primaria durante todo o mes de agosto e centos de chamadas sen atender.
A responsábel comarcal Pilar Lozano, e o deputado no Parlamento Galego, Mon Fernández denuncian a crítica situación da atención primaria en moitos concellos da comarca de Ferrol, “máis unha vez os meses de verán deixan en evidencia a delicada situación na que o goberno do Partido Popular ten colocado a nosa sanidade pública”.
Os recortes orzamentarios, a precariedade dos cadros de persoal e o desvío de fondos cara a sanidade privada, son as condicións xerais que caracterizan a política sanitaria do Partido Popular na Galiza, mais se poñemos o foco na
atención primaria a cousa a agrávase.
Os portavoces nacionalistas chaman a atención sobre o feito de ser a atención primaria “a porta de entrada e principal garantía de que as persoas usuarias do sistema esteamos atendidas, diagnosticadas e controladas en tempo e forma”. Malia a súa importancia o Partido Popular non deixa de tomar medidas na súa contra nos 16 anos de goberno. Por exemplo a eliminación da xerencia propia da atención primaria, o que complica unha xestión eficiente dos recursos, a negativa sistemática a ampliar o cadro de persoal e o número de especialidades e categorías, ou a desviación de recursos cara a atención hospitalaria. Son moitos os postos descobertos por causa das vacacións en todos os centros de saúde, e moitas as localidades que aumentan a súa poboación case porcentualmente na nosa comarca.
A responsábel comarcal salienta que “a combinación destes factores fai que persoas dos Concellos de Ferrol, Narón ou Fene leven todo o mes de agosto sen poder pedir citas, ou que en outros casos non teñan cita antes de 15 días.”
A sobre carga de traballo do persoal sanitario en todas as escalas supera xa todos os límites. Persoal médico, de enfermería ou persoal de servizos administrativos non dan feito.
Poñen como exemplo a situación do único médico do centro de saúde de San Sadurniño, “que ten que atender tamén os centros de saúde das Somozas, Moeche e Cerdido, polo que hai moitos días que as persoas destas localidades
que acoden ao seu centro de saúde atópanse sen médico”. Coma sempre, os máis afectados son os colectivos máis vulnerábeis, maiores, doentes con patoloxías crónicas e polimedicados que precisan de control sistemático.
O deputado Mon Fernández engade que “non podemos deixar de denunciar que neste contexto o Partido Popular veña de aprobar en solitario un teito de gasto orzamentario que nos condena a novos e recortes no exercicio económico do 2026”.
E finalmente anuncian a presentación dunha batería parlamentaria na que demandarán solucións inmediatas, como a cobertura das vacantes, e outras a medio longo prazo, como a creación dunha xerencia de atención primaria, a ampliación das especialidades e categorías que presten servizo en atención primaria, rematar coa precariedade do persoal sanitario, unha política para fomentar o retorno de persoal sanitario, e finalmente unha política para que na formación universitaria a atención primaria teña unha presenza acorde á súa importancia.
Rematan insistindo en que “hai solucións, mais todo depende do tipo de sanidade polo que se queira apostar, é unha decisión política”.