María Paz e Adrián Vázquez vencen en San Sadurniño na III Cronoescalada Sanrockeira

O estradista Adrián Vázquez Vidal (BTT Ultreia) e a betetista María Paz Gago proclamáronse gañadores absolutos da III Cronoescalada Sanrockeira, celebrada en Naraío coincidindo co arranque das festas do San Roque.
 
Fotografía César Galdo
 
Vázquez asinou un tempo espectacular de 12 minutos e 51 segundos nos 3,4 quilómetros de percorrido, mentres que Paz Gago, que foi tamén a participante feminina de maior idade, marcou 20 minutos e 22 segundos. O único dato negativo da xornada foi, precisamente, a baixa participación feminina, con só tres mulleres na táboa de clasificación, todas elas en bici de montaña.
 
A cita, de carácter amador, reuniu a máis de 80 ciclistas, entre bicicletas de estrada e BTT, que afrontaron un trazado esixente que aínda o foi máis pola intensa calor rexistrada. Unha circunstancia que obrigou á organización a instalar, á altura de Lourido, unha mangueira de refresco para aliviar o esforzo das e dos participantes.

Na modalidade de estrada, o podio absoluto masculino completárono Iván José Prieto Bellón e Alejandro Carreira Villaverde, mentres que en BTT o mellor tempo entre os homes foi para Jorge Abeal Orgeira, seguido de Miguel Anxo Nogueira Pérez e David Serantes Varela.

No apartado feminino, tras María Paz Gago, situáronse Cristina Calvo Gunturiz e Clara Gabeiras Piñeiro -ambas de Naraío, por certo-, nunha competición marcada tamén polo ambiente festivo que se viviu en practicamente todo o percorrido e en especial no Eirexado, en Lourido e na meta de Quintiá.

No apartado Máster 50 en bici de estrada os tres mellores tempos rexistráronos, por esta orde, Juan Luis López de Guereñu -ganador o ano pasado-, José Luis Fernández Caaveiro e José Javier Rodríguez Fernández. En BTT os máis rápidos en homes Máster 50 foron Álvaro López Fariñas, Fernando López Saavedra e Jorge Soto Vázquez. As tres únicas mulleres da proba foron tamén quen ocuparon o podio nesta categoría de idades.

A cronoescalada estivo organizada polo club ciclista Biela e Chaveta e o Concello de San Sadurniño, coa colaboración da Deputación da Coruña. Desde a organización destacan a elevada participación e a ausencia de incidencias, reforzando así o prestixio que a cita foi acumulando nas súas tres edicións.

As clasificacións completas están dispoñibles na web www.emesports.es e, ademais, poden revivirse os mellores momentos da proba volvendo ver o vídeo en streaming emitido por Francisco Bermúdez Prieto -Fran da Lobeira- a través da canle A Lobeira Today, compartido no facebook do club Biela e Chaveta.

Última cita, a BTT nocturna do 19 de setembro

O calendario ciclista anual  rematará o venres 19 de setembro coa Ruta BTT nocturna, que sairá ás 21:00 horas do CPI de San Sadurniño. Haberá dous percorridos: un de dificultade baixa de 19 km e outro de dificultade media de 22 km, ambos por pistas, camiños e corredoiras do concello.

O evento ofrece 125 prazas para persoas a partir de 8 anos, que se poderán reservar gratuitamente ata as 14:00 horas do 17 de setembro. A inscrición, gratuíta, pode facerse a través deste formulario. Tamén se pode ampliar información no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.

Lea también

84 ciclistas participan en San Sadurniño na Cronoescalada Sanrockeira

Os algo máis de 3 quilómetros de pistas que van desde a polideportiva da Veiga …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *