A XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño despídese este sábado, 9 de agosto, con dous espectáculos de circo completamente de balde na Praza da Pulida. Pecha así sete días de intensa programación, que trouxo ao municipio un total de 14 representacións—catro na Praza da Pulida e dez no Auditorio Municipal— e que contou cunha gran resposta de público en todas as sesións.

Na sesión matinal, a compañía Zirko Txosko encheu de humor e acrobacias o espazo coa súa proposta ‘Oh Pera!’, conquistando a grandes e pequenos.
A despedida definitiva chegará esta noite, ás 21:00 horas, coa actuación da Agrupación Assircopatas, que presentará ‘Rogelio III. La fête’. Este último espectáculo poñerá o broche de ouro á presente edición da Mostra, consolidando a súa relevancia como unha das citas teatrais máis destacadas do panorama cultural galego.
A alcaldesa de Cariño, Ana María López, destacou que “a Mostra é moito máis ca unha programación cultural; é unha cita que reforza a identidade de Cariño, dinamiza o noso comercio e hostalaría e proxecta a imaxe do noso concello en toda Galicia”.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Laura García, puxo en valor “o esforzo e implicación para levar a cabo esta Mostra de Teatro, así como a calidade e diversidade das propostas escénicas, que fixeron posible que esta edición fose un éxito de participación e emoción”.