María Rivas ofrece máxima colaboración das Forzas e Corpos de Seguridade para garantir unha celebración segura do Rally de Ferrol

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, presidiu a Xunta de Seguridade convocada con motivo da celebración do Rally de Ferrol, que terá lugar os días 22 e 23 de agosto e que reunirá na cidade e nos municipios da contorna a milleiros de afeccionados ao motor.

Na reunión participaron membros da “Escudería Automovilística de Ferrol”, entre eles, o presidente, Germán Castrillón, o alcalde de Irixoa, José Ángel Roca, a concelleira de Seguridade de Ferrol, Carmen Pieltain, así como mandos e representantes da Policía Nacional, da Garda Civil, da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Ferrol, entre outros, María Rivas trasladou o compromiso da Subdelegación do Goberno e do conxunto das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para garantir que a proba se desenvolva con máxima seguridade.

“O Rally de Ferrol”, sinalou, “é unha cita consolidada no calendario deportivo galego, que atrae a uns 130 participantes e a máis de 20.000 persoas chegadas de diferentes puntos da comunidade, polo que imos despregar un operativo de seguridade á altura do evento, coa máxima coordinación entre administracións e corpos de seguridade para que a única noticia sexa o éxito deportivo e o desfrute de pilotos e afeccionados”, destacou a subdelegada.

María Rivas agradeceu de maneira especial o traballo e a implicación da escudaría organizadora e dos efectivos da Policía Nacional, da Garda Civil —incluíndo Tráfico— e da Policía Local, “porque sabemos que garantir a seguridade deste tipo de probas require un esforzo extraordinario, especialmente nesta época do ano, cando as forzas de seguridade tamén están a atender outras situacións como as emerxencias por incendios forestais”.

A Xunta de Seguridade permitiu revisar e reforzar os protocolos de actuación conxunta, tanto a nivel de tráfico como de seguridade cidadá, coa participación dos equipos policiais, técnicos e responsables operativos de todos os corpos implicados.

Así, o dispositivo específico será similar ao de edicións anteriores polo seu bo funcionamento e centrarase en garantir a mobilidade, a prevención de riscos e a resposta ante posibles incidencias, co obxectivo de que o Rally de Ferrol 2025 se desenvolva con normalidade, seguridade e a máxima afluencia de público.

Lea también

Las actividades deportivas de Valdoviño Saludable darán comienzo la próxima semana

Cerca de 250 vecinos de todas las edades formalizaron su inscripción en la programación diseñada …