O castelo, de entrada gratuíta, acolle un centro de interpretación sobre o castro de Sarridal e unha exposición sobre a historia da propia construción.
O Concello de Cedeira abre durante este mes de agosto as portas do castelo da Concepción, en horario de luns a venres de 10.00 a 13.30 e de 16.00 a 19.00 horas, así como os sábados de 10.00 a 13.30 horas. A fortificación, de entrada gratuíta, é un dos principais atractivos da península do Sarridal, que concentra tamén outros atractivos turísticos como son o xacemento arqueolóxico castrexo, as antigas cetarias e a praia das Sonreiras.
O fortín da Concepción foi construído a mediados do século XVIII para defender á poboación dos ataques por mar, particularmente da flota inglesa. No seu interior hai reproducións de navíos, réplicas de traxes que os soldados vestían na época ou armas utilizadas nas batallas, así como maquetas do propio castelo que permiten coñecer como eran a cociña ou o almacén de pólvora na época en que aínda estaban en funcionamento.
Desde hai uns anos, o castelo alberga tamén unha mostra sobre o xacemento do castro Sarridal, con información sobre as diferentes campañas, as descubertas máis importantes e parte dos restos atopados nel, como unha moneda, pezas de cerámica, antigas fichas de xogos…
Durante as Festas da Patroa, que comezan oficialmente coa lectura do pregón este próximo luns 11, intensifícase o número de visitantes na vila. Cómpre apuntar tamén que a Oficina de Turismo está aberta durante este mes de agosto en horario de 09.00 a 13.30 e de 17.00 a 19.00 de luns a venres, así como os sábados de 09.30 a 13.00 horas.
Na web do Concello e nas súas redes sociais pódese consultar a intensa axenda de actividades destes días. Acaban de publicarse as bases dos Xogos Populares que van ter lugar o vindeiro mércores, día 13 a partir das 17.30 horas no paseo da Mariña. As pandillas poderán apuntarse desde unha hora antes e optarán ao reparto de 1.000€ en premios.
A contía repartirase entre os equipos gañadores das diferentes probas: tiro de corda, carreira de sacos, de bébedos, cucaña, carreira de ovos e regata de chalanas.