Dezanove compañías e unha trintena de espectáculos cítanse en Titiriberia 2025 co apoio da Deputación

O festival de monicreques tradicionais Titiriberia, organizado pola asociación Morreu o Demo co apoio da Deputación da Coruña, o Concello de Rianxo, a Xunta de Galicia e o INAEM, celebrará a súa décima edición entre o 12 e 17 de agosto cun cartel que inclúe unha trintena de funcións e a presencia de dezanove compañías procedentes de Galicia, Navarra, Euskadi, Aragón, Valencia e Portugal.

Fuente Diputación de A Coruña

Na presentación do evento participaron a deputada de Cultura, Natividade González; a coordinadora artística do festival, Larraitz Urruzola; o concelleiro de Cultura de Rianxo, Julio Alcalde, e Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). González destacou a importancia do festival, “que soubo consolidarse como unha cita imprescindible no calendario cultural galego, poñendo en valor o teatro de monicreques, a tradición dos monicreques e a capacidade de emocionar a través da arte máis popular e accesible”.

A deputada reafirmou a aposta da administración provincial “por proxectos coma este, que descentralizan a cultura, que se abren ao territorio, chegando ás parroquias, ás prazas e á praia, e que nos conectan coa tradición e a creación contemporánea”. Tamén tivo palabras de gabanza para o programa e o traballo de Morreu o Demo: “A variedade de compañías, as estreas, as exposicións e a dimensión internacional desta edición falan do bo facer da organización e da capacidade do festival para crecer sen perder a súa identidade”.

Fuente Diputación de A Coruña

O festival

Titiriberia 2025 acollerá un total de seis estreas no seu programa, catro pertencen a compañías e outros dúas producións propias do festival. Dúas destas obras inéditas pertencen á compañía galega Seisdedos: “Teatro de mochila”, que se poderá ver no Campo de arriba o sábado 16 ás 12 horas, e “Cantar do ano”, que estará no mesmo espazo o mesmo día ás 20 horas.

Trécola, pola súa banda, dará a coñecer ao público rianxeiro a súa obra “Pituquito Literal” no Parque de Santa Lucía, en Asados, o xoves 14 de agosto ás 11 horas. Xa o día seguinte, na praia de Tanxil ás 13.00 horas, A Cova das Letras representará “Costureiriña bonita”

Titiribeira produce, como cada ano, dous espectáculos colectivos de factura propia. O primeiro deles, “A festa do títeres”, poderase ver o martes 12 pola mañá e servirá para inaugurar a programación deste 2025 de forma oficial. Trátase dunha montaxe itinerante que partirá do Auditorio de Rianxo para percorrer as rúas e prazas da localidade.

Actúan nesta obra as formacións Vai de Roda, Viravolta e Títeres Alakrán. O xoves ás 22.30 horas, no Campo de Arriba, chegaralle a quenda a “As varietés” de Barriga Verde, un espectáculo de variedades para todos os públicos que conducirá este ano Raquel López Cendán e durante o cal actuarán, entre outros artistas, a compañía lusa Red Cloud Marionetas, o actor e monicrequeiro Santi Prego, a formación galega Trécola Producións ou o cuarteto da Escola de Música de Rianxo.

Titiriberia terá como centros neurálxicos do festival o Auditorio Municipal e o Campo de Arriba, pero aposta un ano máis pola descentralización do seu programa, de xeito que varias funcións se celebran en parroquias como Leiro, Asados, Taragoña, Isorna, Araño e a praia de Tanxil.

Toda a programación pode consultarse na páxina web do festival, titiribeira.com

Lea también

El concierto de Manu Sija cierra en Neda el festival itinerante Jazz de Ría

Jazz de Ría concluirá su décima edición este domingo 16 a mediodía en Neda. El …