Posta en marcha dunha nova edición de “As Pontes Emprende”

O Concello de As Pontes reforza a súa aposta polo emprendemento local cunha nova edición do programa “As Pontes Emprende”, dotado con 64.000 euros, destinados a fomentar a actividade empresarial no municipio e contribuír activamente á xeración de emprego e ao desenvolvemento económico sostible.

Esta iniciativa, que alcanza este ano a súa onceava edición desde a súa creación en 2015, ten como obxectivo principal incentivar a posta en marcha de novos proxectos empresariais, apoiar ás persoas autónomas e dinamizar o tecido das pequenas e medianas empresas do concello.

Desde a súa posta en marcha, o programa ten mobilizado máis de 328.000 euros, apoiando 120 proxectos emprendedores e favorecendo a creación de máis de 150 postos de traballo directos en sectores estratéxicos como a agricultura ecolóxica, o comercio local, a hostalaría, a construción, a carpintería metálica ou os servizos profesionais.

Ana Pena, concelleira de Industria e Emprego, subliña que “con esta nova convocatoria queremos reafirmar, unha vez máis, o noso compromiso coa promoción do emprendemento como motor de desenvolvemento económico e social. Apostamos por unha economía local dinámica, diversa e resiliente, na que as persoas emprendedoras teñan o respaldo necesario para dar os seus primeiros pasos”.

A edil destaca tamén a importancia do tecido emprendedor como eixo vertebrador da economía pontesa: “As persoas emprendedoras son fonte de innovación, emprego e riqueza. Son claves para a modernización do noso tecido empresarial e para asegurar un futuro sostible e competitivo para As Pontes. A súa aposta polo noso concello tradúcese en proxectos viables que xeran valor engadido e contribúen ao benestar común”.

DÚAS LIÑAS DE AXUDAS: IMPÚLSATE E INSTÁLATE

O programa “As Pontes Emprende” conta con dúas liñas de axuda diferenciadas, ambas cun importe máximo de 2.000 euros por proxecto: Liña Impúlsate: destinada a subvencionar os gastos de alugueiro dos locais ou espazos onde se desenvolva a actividade.

Liña Instálate: enfocada a cubrir os gastos de inmobilizado material e as inversións necesarias para a adecuación de locais e instalacións. Estas achegas permiten ás persoas emprendedoras afrontar os custos iniciais máis relevantes do seu proxecto, reducindo as barreiras económicas de entrada e incrementando as posibilidades de éxito a medio e longo prazo.

INFORMACIÓN E PRAZOS

As bases completas da convocatoria poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia da Coruña (BOP) número 145, do 1 de agosto de 2025, así como nas seguintes plataformas:

Web da Deputación da Coruña: www.dicoruna.es
Páxina oficial do Concello de As Pontes: http://concello.aspontes.org
Instituto Pontés de Promoción Económica (IPPEC)

As persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes dentro dos prazos establecidos nas bases. Para máis información ou asesoramento, tamén poden dirixirse ao IPPEC, onde se ofrece acompañamento técnico para facilitar o proceso de solicitude.

Lea también

A Policía Local de Pontedeume investiga os feitos para identificar responsables da vertedura ilegal

O Concello de Pontedeume denuncia publicamente o acto de incivismo ocorrido en Campolongo, onde se …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *