A Deputación apoia a creación e consolidación de 430 empregos en pequenas empresas a través do PEL

A Deputación da Coruña reforza este ano o seu apoio ao tecido empresarial da provincia cun investimento global de 4,7 millóns de euros ao abeiro das liñas PEL-Pemes Creación e PEL-Pemes Mantemento, integradas no Plan de Emprego Local (PEL).

Esta aposta permite impulsar a creación e consolidación dun total de 430 empregos en pequenas empresas da provincia, mediante contratos que incentivan o emprego estable e de calidade.

A Deputación vén de publicar no BOP do pasado 29 de xullo a resolución do programa PEL-Pemes Mantemento, que destina máis de 1,2 millóns de euros a subvencionar o mantemento de 121 contratos indefinidos, xa formalizados en convocatorias anteriores do PEL, en empresas e microempresas con sede en concellos de menos de 20.000 habitantes. Trátase dunha liña pioneira e complementaria da liña de creación, que garante a continuidade dos postos de traballo xerados en edicións anteriores do PEL e reforza o compromiso da Deputación cunha economía sostible e arraigada no territorio.

Este novo apoio súmase aos 311 contratos creados o pasado mes de xuño ao abeiro do programa PEL-Pemes Creación, consolidando así unha rede de emprego estable en sectores clave do tecido produtivo da provincia.

“O PEL demostra a súa utilidade como ferramenta integral para o emprego: primeiro axudamos a contratar, e agora axudamos a manter eses postos de traballo. Apostamos pola creación de emprego estable e polo reforzo das pequenas empresas locais”, destacou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

As empresas beneficiarias destas liñas de axudas para fomentar a creación e o mantemento do emprego recibirán subvencións de entre o 70% e o 50% dos custos laborais durante 12 meses, incluíndo soldos, cotizacións á Seguridade Social e outros gastos sociais.

Distribución territorial e perfil das empresas

Na concesión do programa PEL-Pemes Mantemento destacan por concellos Santa Comba, con 9 subvencións e un importe de 95.434,15 €, Mazaricos, con 8 subvencións e 85.118,64 € e Dumbría, con 6 subvencións e 59.862,98 €.

Por comarcas, sobresae a de Santiago, con 46 subvencións concedidas (máis do 38% do total), por un importe global de 456.228,32 €, seguida polas de Bergatiños e Costa da Morte, cun total de 28 axudas e 281.862,98 € de investimento.

En canto ao tipo de contrato subvencionado, o 81,82% corresponde a contratos indefinidos a xornada completa e o 18,18% son a tempo parcial. Case o 53% están dirixidos a persoas pertencentes a colectivos vulnerables.

Respecto ao perfil das empresas beneficiarias, o 54,55% dos beneficiarios son autónomos/as ou empresarios/as individuais, das que a maioría pertencen ao sector terciario, destacando o comercio e a hostalería, así como o sector primario.

8.130 empregos creados ao abeiro do PEL

Desde a súa posta en marcha, o Plan de Emprego Local consolidouse como unha das principais políticas públicas da Deputación da Coruña no impulso ao emprego e ao desenvolvemento económico. En total, máis de 8.130 postos de traballo foron creados nos sectores público e privado ao longo dos últimos oito anos, grazas a este modelo de colaboración coas entidades locais e o tecido produtivo.

A listaxe completa das empresas beneficiarias das convocatorias de PEL-Pemes pode consultarse no seguinte enlace:

PEL PEMES creación:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/06/09/2025_0000003766.html

PEL PEMES Mantemento:

https://bop.dacoruna.gal/bopportal/publicado/2025/07/29/2025_0000004980.html

Lea también

Rescatadas todas las vacas que se cayeron en un precipicio de Lugo con la colaboración de un helicóptero de Asturias

El rescate de las vacas que se cayeron en un precipicio de Taboada se ha …