Ares aumenta a oferta de rutas de sendeirismo cun terceiro itinerario ata Punta Segaño

A concelleira de Turismo, Lucía Blanco, presentou o novo camiño, que transcorre integramente pola parroquia de Cervás e complementa as outras dúas rutas xa existentes. “Incrementamos un dos principais produtos turísticos de Ares cun novo itinerario que xa está aberto para o desfrute da veciñanza e de visitantes, totalmente sinalizado, co seu track en liña e con dípticos informativos del”, salientou Blanco.

Unha nova senda para coñecer o municipio aresán e o seu patrimonio natural aglutinando turismo e deporte: así o detallou Lucía Blanco, edil da área turística do Concello de Ares, na presentación da terceira ruta de Camiños de Ares, o conxunto de roteiros a pé que permiten afondar na paisaxe e historia da vila dende a práctica do sendeirismo.

“Hoxe lanzamos oficialmente un itinerario no que levamos xa tempo traballando e que supón unha mellora da nosa oferta municipal de rutas desendeirismo, o que chamamos Camiños de Ares. Trátase dunha nova senda de 10 quilómetros que comeza e remata no CIRS Cervás e axuda a coñecer espazos tan singulares como o Mosteiro de Santa Catalina, a praia de Chanteiro ou a ermida da Mercé”, expuxo Lucía Blanco durante a presentación.

Baixo o nome de ‘Ruta 3: Punta Segaño’, os futuros sendeiristas subirán ata Montefaro dende Cervás para ollar alí as impresionantes vistas da ría de Ferrol e a de Ares, mais tamén da cidade da Coruña e, en días despexados, mesmo da costa de Malpica coas Illas Sisargas. E será un itinerario onde se mesture a natureza cos ecos da historia, achegándose ás antigas construcións militares que defenderon no pasado o Golfo Ártabro.

Esta terceira ruta vén a constatar o esforzo feito conxuntamente entre a Concellaría de Turismo e a Concellaría de Deportes por construír en Ares unha proposta que aglutine vida saudable e práctica turística. Na actualidade, o municipio tamén conta coas denominadas como Ruta 1: Castro de Santa Mariña e Ruta 2: Punta Coitelada, dúas propostas ideais para achegarse tanto á beleza da costa aresá como á riqueza do seu interior.

INFRAESTRUTURA DE SENDEIRISMO

Lucía Blanco salientou no acto de presentación “que estamos impulsando paulatinamente unha infraestrutura de sendeirismo que cubra todo o territorio, de tal xeito que os veciños e os visitantes poidan desfrutar de Ares a pé e coñecer o que somos explorando as nosas costas, a nosa paisaxe”.

As tres rutas do Concello parten dun trazado sinalizado con postes de madeira sobre o terreo, mais tamén está dispoñible todo o contido vencellado con elas na web institucional –no apartado adicado a Camiños de Ares–, na plataforma Wikiloc e en varios dípticos informativos que xa están postos a disposición das persoas interesadas no consistorio e na Oficina de Información Turística (OIT).

Lea también

Belém Tajes, gañadora da gala final do Premio Narf 2025

Belém Tajes resultou gañadora, con 4.000 euros de premio, nunha gala final que tivo lugar …