Os interesados teñen de prazo ata o 30 de setembro para presentar as súas obras. A dotación para cada unha das modalidades do premio é de 4.000 euros, e as obras gañadoras serán publicadas polo Concello de Ferrol.
O Boletín Oficial da Provincia recolle este mércores 30 a publicación da convocatoria da XXII edición do Premio Ricardo Carvalho Calero de Investigación Lingüística e de Creación Literaria 2025.
O certame, que levaba nove anos sen convocarse, comprende dúas modalidades, podendo os candidatos presentarse a unha ou a ambas. Así, no premio de Investigación Lingüística ou ensaio, os traballos terán unha extensión mínima de 100 páxinas e un máximo de 250. E o premio de Creación literaria, consistirá nunha narración curta ou nun conxunto de contos por autor, cun máximo de 60 páxinas.
A dotación para cada unha das modalidades do premio é de 4.000 euros cada unha, ademais, as obras gañadoras serán publicadas polo Concello de Ferrol. Poderán participar todas as persoas maiores de idade que presenten as súas obras escritas en lingua galega e que non obtivesen o premio en calquera das edicións anteriores a esta, nin outros premios similares. Cada obra presentarase en soporte dixital.
As obras deberán enviarse por correo electrónico á dirección cultura@ferrol.es nunha única mensaxe, co asunto “XXII Premio Ricardo Carvalho Calero”, que inclúa dous arquivos adxuntos: un coa obra presentada a concurso, en formato pdf, asinada unicamente cun seudónimo. E outro arquivo, un pdf titulado “Plica_(seudónimo)”, que inclúa os datos persoais do autor ou autora. Os interesados en participar poderán presentar as súas obras ata o 30 de setembro.