Teñen un prezo de 25 euros e dan acceso a todas as funcións en horario nocturno.
O Concello de Cariño vén de abrir este luns 28 de xullo, a venda de bonos para a XLVII edición da Mostra de Teatro Galego, que se celebra do 3 ao 9 de agosto no municipio da comarca do Ortegal.
Os bonos teñen un prezo de 25 euros e dan acceso ás cinco funcións programadas en horario nocturno no Auditorio Municipal, xa que as funcións do primeiro e último día neste horario serán gratuítas e desenvolveranse na rúa. Os bonos estarán dispoñibles ata o venres 1 de agosto no servizo de recadación da primeira planta da Casa do Concello (avenida da Paz, 2).
Darán acceso ás obras ‘Testosterona’ (Malasombra Producións), ‘As fillas bravas de Momán 2025’ (Grupo Chévere), ‘Ubasute’ (Compañía Berrombambán), ‘Nada se sabe’ (Culturactiva Producións) e ‘Arte sen guión’ (Compañía Galeatro).
As entradas individuais para cada espectáculo estarán dispoñibles antes de cada función. As funcións infantís, programadas ás 12:00 horas, contan cun prezo de 1,50 euros e a venda de entradas abrirase ás 11:30 horas. Por outra banda, as funcións nocturnas, destinadas ao público adulto, celebraranse ás 22:00 horas, con entradas á venda desde as 21:15 horas e cun prezo de 6 euros por función.
A Mostra deste 2025 ofrecerá un total de 14 espectáculos, dos cales só serán gratuítos os da primeira e última xornada. Estes terán lugar na rúa, concretamente na praza da Pulida.
Na xornada inaugural, programada para este domingo 3 de agosto, o público poderá gozar do espectáculo de monicreques ‘Moby Dick’, da compañía Pedras de Cartón, e da peza de danza ‘Un baile ceibe’, da Compañía de Danza Fran Sieira, ás 13:00 e ás 21:00 respectivamente. Por outra banda, o peche da Mostra do sábado 9 de agosto traerá dúas propostas de circo á rúa: ‘Oh pera!’, de Zirko Txosko (12:30 horas), e ‘Rogelio III. La Fête’, da agrupación Assircopatas (21:00 horas).
A programación completa está dispoñible para a súa consulta na páxina web da Mostra www.mostrateatrocarino.gal e nas redes sociais oficiais.
Enlace para consultala programación Cariño Mostra de Teatro Galego