O proxecto “Ecos de Covas” convida ao público a alongar as veladas do venres e do sábado cos directos do intérprete e da banda galegos.
A oferta de lecer de Equiocio Ferrol, que se celebra do 31 de xullo ao 3 de agosto, incorpora, un ano máis, concertos nos seus días fortes. A organización aposta por estirar a actividade no Campo das Cabazas ata preto da media noite da man de bandas galegas. O cantante Edu Calvario e os xa habituais Malditos Pendejos animarán as veladas musicais.
O proxecto “Ecos de Covas” traerá ao Campo das Cabazas este venres, a partir das 21:30 horas a Edu Calvario coas súas versións atípicas. Soarán cancións de todas as épocas levadas ao folk americano, ao rock, ao blues, ao pop.. O artista, que pasou por Covas no recente Gadis surf festival, sorprenderá co seu concerto acústico.
Pola súa banda, o sábado será a noite de Malditos Pendejos. Por terceiro ano consecutivo, a partir das 21:30 horas, a banda de rock ferrolana subirá ao escenario de Equiocio Ferrol para ofrecer o seu potente directo, no que ademais de covers do rock español non faltarán os temas dos seus álbumes «El puto Rock & Roll» e «Revivir».
Equiocio Ferrol contará este ano como principais patrocinadores coa Xunta de Galicia, o Concello de Ferrol, a Deputación da Coruña, firmas galegas como Gadis Estrella Galicia, e as colaboracións da Sociedade Mixta de Turismo de Ferrol, Sogama, J Rilo, Integral Motion e Coca-Cola.