O PSdeG salienta o “incontestable avance” de Ferrolterra co Goberno de Pedro Sánchez

O secretario xeral da Agrupación Provincial do PSdeG da Coruña, Bernardo Fernández Piñeiro, salientou este luns o “incontestable avance” que a comarca ferrolá está a experimentar co Goberno que preside Pedro Sánchez.

Cando se cumpren dous anos de lexislatura, Fernández Piñeiro destacou a xeración de emprego, as melloras sociais e a defensa dos dereitos como eixos da política socialista “e o fin último para o que a cidadanía elixe un goberno”.

Sobre a situación do mercado laboral, valorou que España está “en máximos históricos de xeración de emprego, e de emprego de calidade”, algo que se está a notar especialmente en Ferrolterra. Un dos motivos, segundo recordou, son os contratos que o Executivo asinou con Navantia, por exemplo, o das fragatas F-110, “o máis grande da súa historia”.
O secretario provincial repasou tamén outros logros que suman as políticas socialistas desde que Sánchez acadou a presidencia en 2018, como “un incremento das becas dun 60 % respecto a cando gobernaba o PP”, o que significa “unha aposta clara e decidida por garantir o mellor futuro para os mozos e mozas de Galicia e tamén desta comarca”. Referiuse, ademais, ao transporte, “con descontos de ata o 90 % para moitos rapaces e
razapas”.

“O Goberno de España é sensible á problemática do acceso á vivenda, e está a poñer en marcha mecanismos para mitigala”, apuntou respecto dunha das máis graves preocupacións da cidadanía a día de hoxe. E engadiu o “dato obxectivo” de que sete de cada dez euros investidos en vivenda en Galicia proceden “de fondos xestionados polo Estado”. Así, aínda que a Xunta “prefira escondelos, ocultar esa contribución, os datos están aí”, dixo.

Bernardo Fernández Piñeiro valorou especialmente a revalorización das pensións para garantir “que os nosos maiores non perdan poder adquisitivo, como si ocorría cos gobernos do Partido Popular”.

“Nada debe frear esa axenda do Goberno”, asegurou, para sinalar a continuación “cuestións pendentes” sobre as que os e as socialistas da provincia da Coruña e da comarca de Ferrolterra van “seguir esixindo”. Unha delas é a mellora das conexións ferroviarias, nas que o Ministerio de Transporte “xa está traballando”, afirmou. Tras o
anuncio do bypass de Betanzos, “que facilitará a redución dos tempos”, será a quenda da modernización da liña entre Ferrol e A Coruña, algo sobre o que o PSdeG “vai seguir sendo esixente”.

Coincidiu en facer un balance “moi positivo” da acción de goberno o secretario de Organización da Agrupación Socialista de Ferrol, Rafael Fernández Beceiro, que destacou tamén a carga de traballo para os estaleiros. “Estamos falando de 4.600 millóns de euros en investimento público, que significan milleiros de postos de traballo tanto directos coma indirectos para a nosa comarca”, subliñou.

Humanización da avenida das Pías

O responsable local valorou, a maiores, que o Goberno de España “tamén está detrás dos principais proxectos que se levaron a cabo no ámbito urbano”. Entre eles, citou a humanización da avenida das Pías, “xa finalizada e que se vai abrir proximamente”, cun investimento superior aos dez millóns de euros, así como a rehabilitación do castelo de San Felipe, á que se destinan dous millóns, ou os fondos dedicados á liña entre a estación de tren e o porto interior e á conexión ferroviaria con Caneliñas.
En resumo, máis emprego, máis industria e máis cidade. Isto é o que significa o Goberno de Pedro Sánchez para Ferrol”, destacou. Como mostra desa afirmación, apuntou que por primeira vez en 40 anos a cidade recuperou poboación, un feito que vinculou a que existe máis estabilidade laboral “e a nosa xuventude non ten que buscarse a vida fóra”.

Porén, lamentou que, fronte a ese escenario, Ferrol ten un goberno municipal “que leva dous anos desperdiciando fondos europeos, porque a pesar de crear unha oficina para captalos, non conseguiu nin un só euro”. Por enriba, en algunhas convocatorias, o equipo de Rey Varela “nin sequera optou por solicitalos”.
“Ferrol non pode permitirse un goberno local sen rumbo, que desperdicie oportunidades.
Merece planificación, xestión e ambición, que é o que representa para a cidade o Goberno
de Pedro Sánchez”, concluíu.

Medidas para a mocidade

Uniuse á valoración do Executivo central o responsable de Xuventudes Socialistas de Galicia en Ferrolterra, Eloy Villanueva, que se centrou nas políticas que máis veñen beneficiando á mocidade. Entre elas incluíu os descontos no trasporte público, “non só os abonos gratuítos nos trens e nos buses estatais, senón nos servizos urbanos e
interurbanos, con bonificacións do 50 e do 30 % por parte do Goberno de España”.
Salientou, tamén, o compromiso de establecer unha tarxeta única de transporte que reduza as tarifas a partir do 2026.

Outra cuestión que destacou foi o incremento do salario mínimo interprofesional, que “nos últimos meses do Goberno de Rajoy se situaba en 736 euros”, mentres que na actualidade “está en 1.186 euros, en 14 pagas”. Iso representa unha suba do 60 %, que en Galicia beneficia a 120.000 persoas, “maiormente mulleres e xente nova”.

Tamén en canto á situación dos traballadores e traballadoras, recordou que en 2018 só o 4,5 % dos contratos iniciais eran indefinidos, mentres que a proporción, con datos de xuño deste ano, acada xa o 26,7 %. En total, “o 85 % das persoas que traballan teñen contratos indefinidos, e temporais só o 15 %, que é un mínimo histórico”, apuntou.

Lea también

Llamadas a «acelerar» la coordinación con Portugal y a combatir extremismos centran el acto de las Medallas de Galicia

Llamadas a «acelerar» la coordinación con Portugal y a combatir extremismos centran el acto de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *