Unha unidade móbil ADOS permanecerá en Narón tres días

Baixo o lema “Este verán, antes de viaxar doa sangue”, unha unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue ADOS estará o vindeiro luns, martes e xoves en Narón.

Dende ADOS recordaron que cada día 10 unidades percorren Galicia para facilitar as doazóns e informan que na nosa comunidade son precisas máis de 400 doazóns de sangue ao día, para poder atender as necesidades dos hospitais. Esa media de atención, indican, é de 2.800 urxencias, 800 intervencións cirúrxicas, un transplante de órganos, 1.600 atencións nos hospitais de día e moitas persoas con cancro e leucemia que precisan compoñentes do sangue (de cada doazón obtéñense tres compoñentes para o tratamento de diferentes enfermidades).

O luns 28 e o martes 29 desta semana a unidade móbil localizarase nas inmediacións do novo centro de saúde, en horario de mañá e tarde, de 9:30 a 14:30 e dende as 15:30 ata as 21:00. Na xornada do xoves 31 a unidade estará nas inmediacións da praza da Gándara, nese mesmo horario de mañá e tarde. As persoas que acudan a doar a primeira hora deben almorzar pola mañá e no caso de facelo despois de xantar ao mediodía, esperar dúas horas para facelo.

Así mesmo, deben levar a tarxeta de doante, o DNI ou un documento similar e informar ao médico se se está tomando algún medicamento. Dende ADOS informouse que as persoas que queiran consultar posibles dúbidas sobre a doazón de sangue e a localización das unidades móbiles poden chamar, de balde, ao número de teléfono 900 100 828 (de balde).

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …