A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, e o presidente da Asociación Impact, David Melchor, presentaron unha nova edición do Impact Returns, que se desenvolverá esta próxima fin de semana en Narón, venres pola tarde e tamén o sábado e o domingo durante todo o día, no pavillón Campo da Serra. O evento, organizado polo Concello e a Asociación Impact, contará coa asistencia dunhas 400 persoas.
Os afeccionados e afeccionadas ao xogo Magic the Gathering chegarán este ano non só de Narón e outros concellos da comarca, senón tamén doutras localidades de Galicia e tamén de Madrid ou mesmo doutros países como Suecia, Italia, Austria, etc.
As actividades darán comenzo o venres día 25 ás 14:00 horas coa final nacional, que se celebra en Narón por terceiro ano consecutivo, tal e como apuntou David Melchor, dun torneo de Legacy, onde os xogadores clasificados das diferentes rexións do Estado competirán por prazas para a final europea. Así mesmo, terá lugar a partir das 16:00 horas o equipo de tríos, modalidade que se está fomentando neste torneo e que tivo xa unha gran aceptación o pasado ano, na que xogan varios amigos nos mesmos equipos.
O sábado, ás 10:00 dará comenzo o torneo principal Impact Returns de Legacy, que se estenderá durante todo o día e o domingo a esa mesma hora será o evento principal de Modern. Durante estas dúas xornadas e tamén na primeira do venres, o remate das competicións está previsto para as 23:00 horas.
Unha das novidades deste ano é que todos os torneos son puntuables para unha liga europea (European Legacy Master). Os torneos poderán seguirse en directo a través da plataforma www.twitch.tv/impactreturns.
A concelleira de Turismo recalcou “a gran trascendencia que ten este evento na nosa comarca e moito máis alá, reunindo a xogadoras e xogadores procedentes de varios concellos e países en Narón”. Así mesmo, destacou o labor da Asociación Impact, “que dende a súa constitución, no ano 2015, traballa para fomentar e facer desfrutar a participantes e público do xogo Magic The Gathering nesta zona”.