O parque de Freixeiro acolle dende este xoves 24 ata o domingo 27 a primeira edición da Feira da cervexa artesá. As persoas que se acheguen poderán degustar máis de medio cento de variedades diferentes e tamén algunha das elaboracións dispoñibles nas sete gastronetas que estarán na citada ubicación.
A entrada ao recinto, así como a asistencia aos concertos e aos obradoiros, é de balde. Os diferentes postos de venda abrirán as portas mañá ás 19:00 horas e ás 20:00 terá lugar o concerto de Mr. Fishman, para pechar o festival ás 00:30 horas. Na xornada do venres a apertura do festival será ás 13:00 horas e ás 12:00 programouse a sesión Beer-Mú.
Pola noite haberá un concerto de Ferrok, ás 22:00 e sobre as 01:00 rematará a programación dese día. O sábado continuará tamén dende as 13:00, con sesión Beer-Mú ás 14:00 e pola tarde cun obradoiro de creación de chapas ás 19:00 e un concerto de The Known Strangers ás 22:00.
O último día desta Feira da cervexa artesá, o domingo, abrirá o festival ás 13:00 e continuará a programación ás 17:30 horas cun obradoiro de marcapáxinas, a actuación do grupo Milómanos ás 20:00, concursos a partir das 21:00 horas á mellor etiqueta do festival, á mellor cervexa e á mellor foodtruck, con entrega dos premios ás 21:15 horas, para rematar o evento sobre as 23:00 horas. Estarán presentes nesta edición as empresas Lupia (A Coruña), Banda (Nigrán), Madroa (Vigo), The One (Sanxenxo), Bacterio (Móstoles), Albufera (Vallecas) e El Jardín del Lúpulo, que ofrecerán variedades con castaña, mel, cogomelos, espelta, afumadas, louras, tostadas, amargas…
En canto á comida, poderanse degustar nas foodtrucks unha gran variedade de opcións: venezolana, mexicana, hamburguesas gourmet, salchichas alemás, crepes e gofres, pan de millo recheo, pavo –sen glute-, etc. A concelleira de Feiras, Mar Gómez, animou á veciñanza de Narón e doutros concellos a achegarse a este evento, programado por primeira vez na cidade e que complementará a oferta de lecer desta semana na cidade.