A Deputación da Coruña organiza o 2º Maratón de Galeguidades, que conecta á diáspora galega en 25 países dos cinco continentes

A Deputación da Coruña, en colaboración co Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), impulsa o segundo Maratón de Galeguidades, un evento en liña pioneiro que terá lugar este xoves, 24 de xullo, véspera do Día de Galicia, e que conectará durante máis de once horas ininterrompidas a Galicia coa súa diáspora espallada por todo o mundo.

Tras o gran seguimento da primeira edición celebrada o pasado ano, este segundo maratón consolídase como un espazo de encontro global da galeguidade contemporánea, que poderá seguirse en aberto a través da web www.galeguidades.hub.gal.

A iniciativa ten como obxectivo resignificar a idea de galeguidade no século XXI, dándolle voz tanto á diáspora histórica como á nova emigración de galegas e galegos en todo o mundo. “Trátase de poñer en valor o talento, a creatividade e o compromiso das comunidades galegas no exterior desde múltiples perspectivas: cultural, social, científica, empresarial ou educativa, así como render tamén a nosa homenaxe á emigración galega e á importante contribución a construír a Galicia que hoxe somos”, afirmou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.

O programa incluirá conexións en directo con 25 países dos cinco continentes, con entrevistas, actuacións culturais e reflexións sobre identidade, lingua, ciencia, creación e territorio.

Entre as persoas participantes figuran nomes como o músico Mondra, os xornalistas David Reinero, Fernanda Tabarés e Manuel Gago ou a neurocientífica da Universidade de Houston Sonia Villapol, xunto con orgganizacións emblemáticas como a Irmandade Galega de Suíza, a Rede de Galegas no Reino Unido, a Asociación Internacional de Estudos Galegos, o Festival Emigrasón ou os centros galegos de Buenos Aires, Montevideo, Lisboa, Barcelona ou Sidney.

Con esta iniciativa, a Deputación da Coruña e o IGADI poñen en marcha un espazo de diálogo e proxección internacional para Galicia, convertendo a véspera do 25 de xullo nunha celebración global da identidade galega.

Lea también

Ferrol celebra la tradicional verbena del mantón, otra actividad de tardeo sénior

Tendrá lugar este sábado 13 en el parque Reina Sofía de 21.00 la 23.00 horas. …