Volve o Slálom Concello de Moeche ás rúas de San Ramón da man da Escudería Moeche

A cita co motor organizada pola Escudería Moeche (Asociación Automobilística Moeche) desenvolverase durante toda a xornada deste sábado 19 de xullo . A proba puntuará para o campionato galego da especialidade e conta con 72 inscritos. O centro de San Ramón e o entorno do recinto feiral permanecerán cortados á circulación desde as 18:00 horas deste venres 18 ata o domingo 20 ás 12:00 horas. O público así como as persoas residentes terán á súa disposición espazo de estacionamento en zonas próximas ao evento. 

Firma do convenio de colaboración na Casa do Concello, entre a alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da Asociación Automobilística Moeche, Moisés García.

Para o desenvolvemento do X Slálom Concello de Moeche a entidade organizadora conta coa colaboración do Concello mediante un convenio que foi asinado esta mañá pola alcaldesa, Beatriz Bascoy, e o presidente da Escudería Moeche, Moisés García, acompañados por Modesto José López Romero e Elías Mera Lois, membros da Xunta Directiva da Asociación Automobilística Moeche.

O Convenio implica unha achega de tres mi euros -3000 euros- , dos que 1.500 euros se ingresarán despois da súa sinatura e os 1.500 euros restantes unha vez que a escudería presente a xustificación dos gastos efectuados. Xunto coa colaboración económica tamén se estipula que a Administración local facilitará 200 valos metálicos, colaborará na adquisición de trofeos, a presenza e gastos de Protección Civil, porá a disposición do evento espazos como a Nave do Mercado e o recibidor da Casa Consistorial. A Escudería Moeche tamén contará con apoio de persoal municipal para os preparativos e xunto cunha cisterna e un vehículo motobomba.

A parte que lle corresponde á entidade refírese á organización deportiva: cronometraxes, verificacións técnicas dos vehículos, a subscrición da póliza de seguros da proba, a asistencia de ambulancias, a retirada e volta ao seu sitio dos colectores do lixo e outro mobiliario urbano que haxa que mover para deixar libre o circuíto e tamén achegar persoal para delimitalo cos valos metálicos. O acordo sinala tamén aspectos administrativos, entre eles a obriga de xustificar a axuda económica concedida antes do 30 de novembro deste ano.

Na mañá do martes 15 de xullo tivo lugar no Concello de Moeche a presentación oficial do X Slálom Concello de Moeche, cuarta proba puntuable para o Campionato Galego de Slálom 2025. Na presentación oficial estiveron presentes Beatriz Bascoy Maceiras, alcaldesa de Moeche; Moisés García Fernández, presidente da Escudería Moeche; así como David Saavedra, Juan José Sueiras, Modesto López e Sergio Fernández, membros da directiva da Escudería Moeche.

Esta nova edición, como indican desde a entidade organizadora , presenta algunhas novidades, entre as que destaca unha pequena modificación no trazado. Esta variación manterá a esencia do percorrido tradicional, conservando tamén a espectacular grada natural situada ao carón do concello, desde a que o público poderá seguir o paso dos vehículos con total seguridade.

A xornada comezará cedo, ás 8 da mañá, con comprobacións e diferentes trámites, para dar paso ás mangas de adestramentos, que terán lugar durante a mañá; as mangas oficiais desenvolveranse ao longo de toda tarde . Do resultado destas últimas sairán os gañadores nas diferentes categorías. Nesta edición, ademais da habitual clasificación xeral e das diferentes agrupacións, entregaranse trofeos especiais para:

• 1º, 2º e 3º Feminino
• 1º, 2º e 3º Históricos
• 1º, 2º e 3º Veteráns
• 1º, 2º e 3º  Escudería Moeche
• 1º, 2º e 3º  BMW
• 1º, 2º e 3º Copa Debutantes

foto arquivo Slalon Concello de Moeche

A zona acoutada para a proba e as áreas de aparcadoiro poderán consultarse nun documento descargable desde a web da Escudería Moeche. No documento tamén figura a imaxe satelital das rúas do centro urbano que  permanecerán cortadas desde as 18:00 horas do venres ata as 12:00 horas do domingo día 20. As persoas residentes terán espazo reservado fronte ao estanco para deixaren alí os seus coches, desde onde poden saír cara á estrada de Ortigueira ou Cristo do Rañal.

A Asociación Automobilística Moeche conta coa colaboración de varias firmas comerciais de dentro e fóra do municipio e cun amplo grupo de persoas voluntarias que levan meses traballando para o éxito da proba.

Dende o Concello animan a asistir a este evento este sábado 19 de xullo «para gozar dunha proba deportiva emocionante avalada por anos de éxito e boa organización da Escudería Moeche».

Lea también

Galicia responde, Galicia acompaña». Plan de acción en favor de la soledad no deseada

La Xunta está reforzando la Estrategia contra la soledad no deseada con nuevas medidas como …