A Xunta aborda cos concellos da Área de transporte metropolitano de Ferrol as súas propostas para adaptar servizos

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, reuníronse este xoves cos concellos da Área de Transporte Metropolitano (ATM) de Ferrol no marco da comisión de seguimento do Plan de Transporte Metropolitano. Esta reunión encádrase no compromiso adquirido pola
administración autonómica de reunir as comisións de seguimento dos Plans de Transporte Metropolitano unha vez cada seis meses.

Logo de que no pasado mes de novembro se prorrogasen os convenios de todas as ATMs, nesta xuntanza abordáronse as peticións e propostas de modificacións de liñas, frecuencias ou paradas feitas polos concellos que conforman a Área de Transporte Metropolitano de Ferrol. Neste sentido, a Xunta lembrou algunhas das solicitudes xa atendidas nos concellos de Ferrol e de Narón, onde unha modificación do contrato que opera o transporte público permitirá facer importantes cambios no servizo.

Ampliacións en Ferrol e Narón

Na cidade de Ferrol ampliarase a conexión Porto – Hospital Novoa Santos para darlle cobertura ao barrio de San Xoán, e crearase unha nova liña entre a rúa Río Xubia e o Porto de Ferrol, que pasará polo centro da cidade e conectará distintos barrios.

Ademais, e a petición do concello de Narón, a Xunta tamén aprobou unha ampliación do percorrido da liña Mercado de San Xulián – O Val para chegar ao convento de Baltar. Tratáronse as solicitudes de todos os municipios presentes na xuntanza co compromiso de avalialas nas vindeiras semanas.

O Plan de Transporte Público de Galicia é un plan vivo e cada ano fanse centos de modificacións para dar resposta ás cambiantes necesidades de mobilidade da sociedade galega. Neste sentido, a Xunta estuda as solicitudes dos concellos e avalía a súa implantación seguindo criterios obxectivos e técnicos.

A comisión de seguimento reúne a todos os concellos que conforman a ATM de Ferrol: Miño, Cabanas, Pontedeume, Ares, Valdoviño, Cedeira, Fene, Ferrol, Mugardos, Narón e Neda. Estes municipios están conectados por unha rede de autobús interurbano conformada por 229 liñas, que prestan servizo en máis de 3.900 paradas e
nas que se ofrecen máis de 235.000 servizos ao ano en máis de 5,6 millóns de quilómetros de servizo.

Para financiar o convenio da ATM de Ferrol, a Xunta realiza un investimento anual de 887.000 euros, mentres que os concellos da área asumirán os 440.200 euros restantes.

Lea también

Grupo Yáñez, concesionario oficial Volkswagen, despide a más de medio centenar de empleados en la provincia de A Coruña, varios de Ferrol

Grupo Yáñez, concesionario oficial de la marca automovilística Volkswagen, ha despedido a 58 empleados de …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *