Usuarios, persoal técnico e directivo dunha decena de entidades sociosanitarias de Ferrolterra, vencelladas a Equiocio Ferrol, veñen de visitar a empresa Galicia Textil. Unha visita que pretende poñer en valor o permanente apoio da factoría nedense ao certame hípico e de lecer, que se celebrará do 31 de xullo ao 3 de agosto en Covas, cedendo un ano máis, o material que conforma e viste os stands das asociacións no evento.
Máis de corenta persoas sumáronse o pasado venres a esta proposta, e percorreron, co director da factoría, Héctor González, como cicerone unha parte da antiga colonia fabril. O responsable da compañía lembrou que o recinto xurdiu como Real fábrica de laminación de chapas de cobre, Real fábrica de moneda, fábrica de fusiles de chispa e dende finais do século XIX , de tecidos. E apuntou que, dentro do recinto amurallado da fábrica de Xuvia, levantábase unha mini cidade autosuficiente (vivendas, hortas, escola igrexa…).
Tiveron a oportunidade de achegarse a ese pasado e de coñecer o presente da fábrica usuarios e usuarias dos dous centros de día de Afal Ferrolterra, que traballaron a reminiscencia; de Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, da Asociación de Persoas Xordas de Ferrolterra, de Alcer, de ASCM, de Affinor; ademais de directivas de Aspaneps, Patronato Concepción Arenal, Basketmi e Návitas.
Todos eles accederon ao corazón da planta, centrada agora na fabricación de tecido técnico, empregado para a confección de vestiario profesional de bombeiros, militares… e coñeceron como é o proceso de produción.
A factoría cederá, un ano máis, tanto os palés cos que se configurará o conxunto de espazos expositivos do evento como os centos de metros de lenzo – ao redor de 300- cos que se decorarán os stands cos que contarán as entidades para dar a coñecer o seu labor durante o evento.
As asociacións e a propia directora de Equiocio Ferrol, Ana Pérez Lago, puxeron en valor esa colaboración esencial e o compromiso permanente da empresa co certame e, en especial, coas entidades de acción social que nel participan.