A Alianza Aresana acolle un seminario sobre a interseccionalidade e a violencia de xénero

Centro de Información á Muller (CIM) e a Concellaría de Igualdade e Benestar de Ares veñen de presentar todo o programa vencellado co seminario “Interseccionalidade e violencia de xénero”, unha iniciativa que se celebra o mércores 25 de xuño, na Alianza Aresana e que pretende fomentar unha reflexión colectiva arredor desta problemática tan relevante para a sociedade.

A xornada axudará a sensibilizar e debater arredor da lacra da violencia de xénero, mais aplicando unha perspectiva interseccional que teña en conta as súas múltiples dimensións. Destínase a profesionais do ámbito social, educativo, sanitario e xurídico, mais tamén a calquera persoa interesada en afondar na temática.

A programación estrutúrase arredor de dúas charlas, unha delas cun enfoque teórico e a outra baixo unha perspectiva práctica, impartidas por Iria Vázquez Silva, doutora en Socioloxía pola Universidade da Coruña, investigadora e experta en Estudos de Xénero.

A experta abordará contidos sobre o impacto da violencia en mulleres migrantes ou con discapacidade e como cambia en función do eido rural ou urbano; a situación lexislativa actual ou as pautas para a mellora da atención a vítimas de violencia de xénero dende os xulgados, o eido sociosanitario ou a intervención psisocial.

HORARIO E INSCRICIÓNS

Arrancará o seminario ás 11:00 horas, coa inauguración institucional por parte do alcalde, Julio Ignacio Iglesias, e a concelleira de Benestar e Igualdade, Victoria Montenegro, e continuará xa coa primeira das ponencias, de 11:10 a 12:00 horas. Haberá unha pausa para o café de media hora e rematará a xornada coa última sesión entre as 12:30 e 13:30 horas.

Para sumarse ó seminario, a entrada é totalmente de balde, mais precisa de reserva previa formalizando a inscrición vía telemática na seguinte ligazón: https://gplus.typeform.com/seminarioAres.

A iniciativa impulsada polo Concello inscríbese nas Axudas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero e conta co apoio da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

UNHAS XORNADAS PREMIADAS POLA FEMP

Este seminario de Interseccionalidade e Violencia de Xénero está estreitamente vencellado cunha das últimas boas novas para o Concello, como foi o premio da FEMP á administración aresán no seu IX Concurso de Boas Prácticas Locais contra a Violencia sobre as Mulleres, un recoñecemento recibido en marzo deste ano e que constata o traballo de vocación pública desenvolto ao longo de máis de 17 anos en materia de prevención desta problemática.

Así, Ares non só se converte en espazo de diálogo e análise da violencia de xénero a través do seminario, senón que outono tras outono o Concello organiza unhas xornadas especializadas nesta materia e que contribúen a facer da vila un lugar de debate, formación e prevención da lacra estrutural que é a violencia contra as mulleres.

PROGRAMA EN PDF: ARES SEMINARIO INTERSECCIONALIDADE E VIOLENCIA DE XENERO 2025

 

 

 

 

Lea también

Valdoviño participa con la comisión de la FEMP en la reunión sobre autocaravanismo organizada por la DGT

En condición de vocal de la Comisión de Transporte, Movilidad e Infraestructuras de la Federación …