A Mostra de Teatro Galego de Cariño prepara a súa 47º edición

 

No acto de presentación estiveron presentes a alcaldesa, Ana María López, a concelleira de Cultura, Laura García, o presidente de AGADIC, Jacobo Sutil, e a deputada de Plans Provinciais, Cristina García.

O acto de presentación, que tivo lugar no Auditorio Municipal, contou coa intervención da alcaldesa de Cariño, Ana María López, a concelleira de Cultura, Laura García, o presidente de AGADIC, Jacobo Sutil, a deputada de Plans Provinciais e Asistencia a Municipios, Cristina García, e o deseñador do cartel, Borja Guerrero.

A rexedora quixo agradecer a colaboración da Deputación da Coruña e de AGADIC, así como o traballo feito polo deseñador, comentando que “somos moitos traballando de cara a esta Mostra, que xa se aproxima as cincuenta edicións, e que nos fai especial ilusión”. López afirma que “esta é, sen dúbida, a gran cita do noso Concello, e confiamos en que sexa unha gran edición, xa que contamos cunha programación de calidade para todos os públicos”.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do cartel e do primeiro avance da programación desta 47ª Mostra de Teatro Galego de Cariño, e quixo agradecer ao Concello de Cariño por “seguir mantendo unha proposta cultural cunha calidade indiscutible, como será a edición deste ano, e que seguro que será todo un éxito”.

Recoñecidas compañías da escena galega como Grupo Chévere, Gazafelhos, Malasombra Producións, Teatro del Andamio ou Fran Sieira Compañía de Danza, así como Culturactiva co espectáculo inclusivo Nada se sabe, realizado en colaboración co Centro Dramático Galego, participarán nesta nova edición do evento, que Sutil cualificou como un dos “principais focos de difusión do noso teatro máis xenuíno”.

A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén contribuíndo economicamente coa súa organización a través da súa convocatoria anual de subvencións para festivais considerados estratéxicos para a difusión das nosas artes escénicas.  

Un cartel cargado de simbolismo nunha edición con varias novidades

Cartel da XLVII Mostra de Teatro Galego de Cariño

O cartel desta edición está realizado en acuarela polo artista Borja Guerrero e busca
reflectir a historia do Concello vencellada ao teatro, mesturando varios factores para
crear unha imaxe que, segundo explicou a concelleira de Cultura, Laura García,
“transmite moi ben o que é Cariño e estamos seguros de que vai a gustar moito”.

Nesta edición, unha das grandes novidades é a posta en escena, o sábado 2 de agosto
ás 12:00 horas, da obra “Ás 12”, unha creación do grupo de teatro de actividades extraescolares do concello que servirá para abrir o apetito antes do inicio oficial da
Mostra. Esta montaxe conta coa dirección de Pepablo Patiño, recoñecido actor e
membro da compañía Ghazafelhos. Trátase da primeira vez que este grupo actúa na
Mostra, un fito que se destaca especialmente como proba do talento local e do
compromiso coa educación artística dende idades temperás.

Como é habitual, a Mostra non se limitará aos espazos pechados. As rúas de Cariño
volverán a encherse de teatro, espectáculos de circo, danza e maxia, con actuacións
que serán anunciadas proximamente.

Lea también

O novo volume do anuario diocesano «Estudios Mindonienses» presentarase en setembro

«Estudios Mindonienses», o anuario diocesano de estudos histórico-teolóxicos, contará cun novo volume tras o verán. …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *