Avance na recollida da memoria oral e documental para o proxecto “Fene 1941”

Nas últimas semanas, o Concello de Fene está a desenvolver unha das fases centrais do proxecto “Fene 1941”, coa recollida de documentación e memoria oral vinculada á historia do estaleiro ASTANO e da ría. O proceso inclúe entrevistas e gravacións en vídeo á veciñanza, traballadores e extraballadores, así como a persoas vencelladas ao sector mariñeiro, co obxectivo de preservar e divulgar un patrimonio inmaterial único.

Estas gravacións darán lugar a un conxunto de pezas documentais en formato audiovisual, que se presentarán ao público nos meses de setembro e outubro, xunto co resto de actividades previstas: conferencias, accións nas tabernas, encontros interxeracionais e charlas nos centros educativos.

A concelleira de promoción económica, Ángeles Coira, destacou que “este traballo de recollida é fundamental para evitar que se perda un legado que forma parte da nosa identidade colectiva. Queremos que as historias de vida, as fotografías e o recordos queden recollidos e sexan accesíbeis para futuras xeracións”.

Coira subliñou ademais que “Fene 1941 non é só un proxecto de recuperación da memoria, senón tamén unha oportunidade para dinamizar a vida cultural, educativa e turística do concello, implicando á veciñanza, ás entidades e ao sector hostaleiro”.

O proxecto “Fene 1941” desenvólvese nos anos 2024 e 2025 e está financiado con fondos do Programa do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) a través do GALP Golfo Ártabro Norte, nun 70% pola Unión Europea e un 30% pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia.

Lea también

Valdoviño participa con la comisión de la FEMP en la reunión sobre autocaravanismo organizada por la DGT

En condición de vocal de la Comisión de Transporte, Movilidad e Infraestructuras de la Federación …