VIII Ares Indiano: gastronomía, divulgación histórica, música e cultura

Cunha programación que inclúe dende os roteiros en barco, a pé e autobús ata mostras teatrais, clases de baile latino ou showcookings, a principal celebración lúdico-cultural do municipio reiterará o seu compromiso coa memoria da emigración aresá e galega. O 22, 23 e 24 de agosto, Ares somerxerase nunha viaxe para ollar o pasado e entender as raíces que sustentan o presente.

A concellaría de Cultura de Ares desvela o programa completo que se despregará durante a fin de semana do 22, 23 e 24 de agosto pola oitava edición do Ares Indiano.

Unha programación que non esquece a ningún público e que anuncia, en definitiva, a proximidade dun dos eventos referenciais na comarca de Ferrolterra.

Co foco posto en recoñecer e homenaxear a todas as persoas que migraron ás Américas, independentemente do éxito económico ou social que puideran acadar, Ares volverá a camiñar cara o pasado para aproximarse ao fenómeno migratorio dende múltiples perspectivas.

Así o reflicte o programa desta oitava edición, cun abano de formatos que fan do Ares Indiano unha celebración divulgativa e coa fondura que require a complexidade da temática da migración galega.

Entre as principias opcións, manteranse os tres tipos de roteiros –en barco pola ría, en autobús histórico polas parroquias ou a pé guiados polo artista Cayetano Lledó–, haberá espazo para os relatorios divulgativos e exposicións tematizadas –como é o caso das mostras de mulleres e o asociacionismo galego na emigración ou o achegamento a Delfín Vázquez, retratista de indianos–, elaboracións de pratos en directo, actuacións musicais, a recreación de escena indiana a modo de photocall da Sociedade Cultural O Tilo… e un sinfín de posibilidades para fortalecer o fondo vínculo do Ares Indiano coa memoria colectiva e a historia local.

TRES DÍAS PARA VIAXAR CONXUNTAMENTE AO PASADO

O venres, 22 de agosto, principiarán algunhas das actividades do programa, como é o caso da apertura do Mercado Indiano no paseo marítimo e dunha das grandes novidades: o Espazo Deputación da Coruña, no que se atopará unha carpa gastronómica na que, a través do programa provincial A paisaxe que sabe, se organizarán 7 showcookings e 2 degustacións de chocolate, amais dun mercado de artesanía galega. Será tamén un lugar para actividades de dinamización e de espectáculos multidisciplinarios como CORES, un episodio musical da serie Artistas de Reserva.

O venres comezarán os pasarrúas e pecharase co grupo de teatro local A Cova do Trasno e a súa obra Zafra.

O sábado, 23 de agosto, arrancarán e estenderanse durante todo o día os roteiros a pé, en autobús histórico por Cervás e Redes e en barco pola ría, e tamén se organizará a inauguración institucional do evento ás 11:30 horas.

Na mesma xornada organizaranse obradoiros infantís tematizados; Branca Escrigas pintará en directo escenas indianas co seu talento para as acuarelas; quen o desexe aprenderá a moverse ao compás dos ritmos latinos con Adrián Afonso e a divulgación terá o seu oco coa presentación do Libro de Actas da Alianza Aresana de Instrucción, delegación de Ares e das explicacións do estudoso local Javier Vilasánchez. Septeto Naborí, xa pola noite, porá á veciñanza a bailar con melodías traídas dende a illa de Cuba.

O domingo, 24 de agosto, proseguirán as animacións de rúa pola vila e seguirán dispoñibles, como ao longo de toda a fin de semana, as exposicións no CIRS de Cervás, a Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Alianza Aresana. Os amantes da automoción poderán visitar a mostra de vehículos históricos en Redes, na baixada ao Pedregal, e os máis lectores atoparán iniciativas cun marcado toque literario: a presentación de ‘A hora sinalada’, de Rafael Catoira, obra gañadora do III Premio

Alén de Novela, e o espectáculo de narración oral de Vero Rilo e Santi Cribeiro, Tralalareira.

Ao peche do 24 de agosto, a voz de Xabier Díaz e as pandeiretas de As Adufeiras do Salitre porán o broche final ao VIII Ares Indiano  mesturando a tradición oral galega co contemporáneo e rescatando os sons máis arraigados do territorio.

Con todo, estas serán só algunhas das propostas que deseñou o Concello para que todo o mundo poida viaxar ao pasado e recordar que aconteceu nesa Galicia e nese Ares de principios do século XX: por que e como marcharon os migrantes, quen ficou en terra e que sacrificios levaron a cabo todos eles a prol dun futuro mellor.

Lea también

La razón por la que se decidió que Las Vegas fuera el epicentro de los casinos en EEUU

Hablar de Las Vegas es evocar una ciudad que no duerme, luces brillantes, hoteles majestuosos …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *