A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e os voceiros de Terra Galega, Román Romero; do PP, Germán Castrillón e do BNG, Olaia Ledo, así como o edil do PSOE Jorge Ulla, reuníronse no mediodía deste luns 16 con persoal do comité de empresa de Guidoni Quartz, unha xuntanza programada dende a Alcaldía para coñecer o estado no que se encontran tanto o plantel como a propia compañía trala presentación dun ERTE que afectaría á totalidade do plantel.
Unha firma adicada á fabricación de tableiros de aglomerado de cuarzo e granito e con sede no polígono das Lagoas. A dirección da empresa propuxo a hai unhas semanas un Expediente de Regulación Temporal de Emprego cunha duración de seis meses e que afectaría á totalidade do plantel, 122 persoas.
Dende o comité explicaron que a firma alega falta de actividade pola caída drástica dos pedidos de EEUU que supoñía a práctica totalidade de produción dunha das liñas. A empresa, pola súa banda, informou que prevé aplicar o ERTE o vindeiro día 25 deste mes, ao rematar o período de consultas.

Ambas partes mantiveron xa algunha reunión para tratar de acadar unha proposta favorable para a empresa e o plantel. “O que queremos é un futuro para Guidoni”, aseguran dende o comité. Dende o Concello adquiriuse o compromiso de solicitar unha reunión aos propietarios da firma. “O que máis nos preocupa é o futuro a medio prazo da empresa, e a ver se polo menos hai un compromiso público firme, temos un plan de viabilidade pero non está concretado en cifras, todo é de palabra”, explican á espera da vindeira xuntanza coa empresa, o mércores.
A maiores ofreceuse dende o BNG a intermediación a través do deputado Mon Fernández coa Xunta de Galicia para tratar de axilizar unha reunión na citada administración cos representantes dos traballadores e traballadoras