CF San Sadurniño inicia a loita polo ascenso á 1ª Futga

O club porá autobús para ir animar o equipo ao campo da Agrela.

Fuente Concello San Sadurniño/Imagen de un partido de liga entre el CF San Sadurniño y Barallobre (Foto José Manuel Varela)

O CF San Sadurniño está a piques de facer historia. De feito xa fixo historia, ao lograr meterse na promoción de ascenso á 1ª Futgal tras finalizar a competición ligueira en segunda posición, xusto por detrás dun Meirás que este domingo 18 de maio confirmou cun empate a 1 (enfrontándose ao Sansa, precisamente) o seu ascenso directo.

O equipo laranxa xogará este domingo na Coruña o seu primeiro partido da fase de ascenso. Será contra o Imperátor OAR no campo da Agrela a partir das 16:00 horas e o club quere sentir preto de si o alento e os azos de toda a afección local. Por iso porá un bus que sairá de diante do Café-Bar del Palacio (Gavín) ás 13:45 horas. Para reservar praza hai que chamar ao 618 850 792

O CF San Sadurniño avanza paseniño e con paso firme. Leva varias temporadas mellorando pouco a pouco os seus remates ligueiros, quedando sempre na parte alta da táboa gracias ao bo facer do equipo técnico e dun plantel sobre o céspede moi compacto e compenetrado, onde se combina a puxanza da mocidade e a visión estratéxica dos máis veteráns organizando o xogo desde o centro do campo e sentenzando na dianteira.

Tras certificar unha liga impecable -o líder non puido con eles este domingo-, agora o equipo de Míchel afronta o sprint final nos cruzamentos da Segunda Futgal Zona Norte, que se disputará os días 18 e 25 de maio, 1 e 8 de xuño. Ata aquí chegaron 12 equipos en total dos cales subirán tres. No grupo do CF San Sadurniño están o Imperátor OAR, o SD Cacheiras e máis o CD Baio.

As eliminatorias decidiranse a partido de ida e volta. O San Sadurniño visitará ao Imperátor este domingo e recibirao no campo municipal dos Currás o domingo 25 confiando en poder subir o seguinte chanzo, que os enfrontaría contra ganador da loita Cacheiras-Baio, tamén a dous partidos. O outro equipo da comarca que tamén xoga a promoción é a UD Cebarca (dentro do grupo do Sada, a SDC San Roque e o CIRE Melide) que tamén podería ascender sen necesidade de cruzarse co Sansa.

Nada é seguro, pero todo é posible, moi posible, xa que o CF San Sadurniño se encontra nun momento de ánimo e forza inmellorable. Facéndoo como o fixo na liga desde setembro do ano pasado xa lle chegaría para ser novo equipo da Primeira Futgal.

Pero para apuntalar aínda máis a cousa, a directiva e o cadro deportivo queren contar nos próximos partidos co máximo apoio desde as bancadas, sobre todo nos encontros que se disputarán fóra. De cara a facilitar a asistencia ao primeiro e decisivo encontro deste domingo ás 16:00h contra o Imperátor no Rodrigo Díaz Vizoso o campo do polígono da Agrela, na Coruña- o club fletará un autobús que sairá ás 13:45 horas de diante da Casa do Concello (estacionará na beirarrúa do Café del Palacio). Quen queira reservar praza deberá contactar o antes posible con Luis Santalla no 618 850 792.

Lea también

Abierta la presentación de ofertas en FIMO Ferrol, para la ciudad del deporte

Hasta el próximo 29 de julio se pueden presentar las ofertas para las mejoras en …