Juventino Trigo anuncia a súa renuncia como alcalde de Fene (A Coruña)

O rexidor nacionalista deixa o cargo por motivos personais e cede o testigo a súa primeira tenente de alcalde, Sandra Permuy.

Sanda Permuy, actual primeira tenente de alcalde, asumirá a alcaldía accidental.

O rexedor fenés deixa a política municipal tras unha etapa marcada pola estabilidade, a modernización dos servizos e a consolidación de proxectos estratéxicos. Sandra Permuy, actual primeira tenente de alcalde, asumirá a alcaldía accidental até o pleno de elección.

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, anunciou que deixa a alcaldía e renuncia á acta de concelleiro, pechando unha etapa de traballo intenso e compromiso coa veciñanza. A decisión, tomada “por motivos persoais e de oportunidade política”,  e tras unha profunda reflexión, foi comunicada nunha rolda de prensa na que estivo acompañado polos membros do goberno municipal.

Durante a súa intervención, Trigo expresou o seu agradecemento á veciñanza de Fene, ao seu equipo de goberno, ós traballadores municipais, ós compañeiros de corporación, así como a todas as persoas que depositaron a súa confianza no proxecto nacionalista ao longo dos anos. «Fene funciona grazas ao esforzo colectivo. Deixo a alcaldía con orgullo, sabedor de que compartimos camiño, valores e ilusións», manifestou emocionado.

O alcalde lembrou algúns dos fitos máis importantes do seu mandato: a aprobación dos orzamentos de máis de 16 millóns de euros; a captación dunha das maiores axudas de eficiencia enerxética da historia do Concello (IDAE, preto de 750.000 euros) para a renovación do alumeado público e da rede semafórica; as melloras da rede de abastecemento e saneamento; a posta en marcha do Punto Limpo de Vilar do Colo; a recuperación de espazos municipais; ou o impulso de novos proxectos culturais, deportivos, turísticos, e sociais. «Foron anos intensos, nos que traballamos para facer de Fene un concello moderno, dinámico e referente», afirmou.

Procedemento para a substitución

Unha vez o pleno da corporación tome coñecemento oficial da renuncia, será a primeira tenente de alcalde, Sandra Permuy, quen asuma a alcaldía accidentalmente até a celebración da sesión de elección da nova persoa que asumirá a alcaldía, que se convocará no prazo máximo de dez días.

Sandra Permuy, actualmente responsábel das áreas de servizos, benestar social, seguridade e persoal, acumula unha ampla experiencia no goberno municipal, sendo unha figura coñecida e próxima para a veciñanza.

Notas biográficas

Juventino Trigo (Fene, 1962) foi elixido concelleiro por primeira vez nas eleccións municipais de 2011 liderando a lista do BNG. Accedeu á Alcaldía de Fene no 2015 tras un pacto de goberno das forzas de esquerdas, aínda que non puido rematar o mandato por mor dunha moción de censura.

En febreiro de 2020 volveu asumir a alcaldía, exercendo un liderado firme e comprometido, e desde 2023 goberna en coalición co apoio de Esquerda Unida, impulsando importantes proxectos de modernización e mellora do municipio.

 

O BNG de Fene anunciou que proporá no pleno de elección a Sandra Permuy como nova alcaldesa, tras a renuncia de Juventino Trigo, que deixa a alcaldía e a súa acta de concelleiro por motivos persoais. Trigo estivo arroupado no anuncio por compañeiras e compañeiros do goberno municipal e da organización nacionalista comarcal.

O vicerresponsábel comarcal, Secundino García, salientou a “honestidade, a entrega e o traballo incansábel” de Trigo, e referiuse a el como “un alcalde que deixou pegada e que deu continuidade ao legado de compromiso que representa o nacionalismo galego en Fene desde tempos de Xosé María Rivera Arnoso”.

Trigo, pola súa parte, indicou que “a política é un proxecto colectivo, vivo, que necesita de renovación e novas enerxías”. Mostrou a súa confianza plena en Sandra Permuy, a quen definiu como “unha muller próxima, preparada, con capacidade de escoita e coñecemento da realidade do Concello”.

Un relevo natural e con futuro

Sandra Permuy leva anos asumindo responsabilidades no goberno local e, segundo indicaron desde o BNG, encarna á vez a continuidade dos valores e a renovación necesaria para seguir medrando. “A súa capacidade de traballo e a súa sensibilidade social son garantía de futuro para Fene”, sinalaron.

O BNG aposta así por unha nova etapa coa mesma base: servizo á veciñanza, proximidade, eficiencia nos servizos públicos e un modelo de concello sustentable e participativo.

 

Lea también

Neda programa varios espectáculos incluidos en la Red Cultural de la Diputación de A Coruña

Una docena de espectáculos en directo, además de cine, llegan este año a Neda gracias …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *