A 20 edición das Xornadas literarias de Neda afondan na figura poliédrica de Castelao

Conferencias, teatro, e ata un obradoiro de ilustración descubrirán ao célebre rianxeiro entre o 24 e o 27 de abril.

Presentación das Xornadas Literarias de Neda no campus de Ferrol

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao será a protagonista da vixésima edición das Xornadas Literarias de Neda. O evento cultural, que se presentábase esta mañá na Facultade de Humanidades e Documentación do Campus de Ferrol, ofrecerá entre o 24 e o 27 de abril unha visión ampla de quen para moitos é o intelectual galego máis destacado do século XX. Escritor, político, debuxante, investigador…

A concelleira de Cultura de Neda, Marián Bello; a secretaria académica de Humanidades, Pilar Comesaña; e a coordinadora cultural nedense, Copi Villaamil, foron as encargadas de presentar a 20 edición das xornadas, organizadas polo Concello de Neda, co apoio desta facultade da UDC.

Serán catro días de actividades cun bloque inicial de conferencias e cunha morea de propostas complementarias durante a fin de semana, destinadas a fomentar que persoas de todas as idades se acheguen á figura poliédrica de Castelao, neste ano no que se conmemora o 75 aniversario do seu pasamento.

Conferencias
A apertura das Xornadas literarias terá lugar o 24 de abril, a partir das 18 horas, na Casa das palmeiras, cunha intervención da rapazada que integra o Club de lectura A pantasma de papel, do IES Fernando Esquío, e máis a conferencia do escritor e crítico literario Manuel Rei Romeu: “Castelao desta terra e deste tempo”.

O venres 25, no mesmo lugar e á mesma hora- tres nomes propios ben distinguidos tomarán a palabra para afondar no achegamento a quen foi no exilio o primeiro presidente do Consello de Galicia. Así, Francisco Rodríguez, escritor e crítico literario, presenta a ponencia “Castelao: Galiza con vontade de existir”. Tras el, chegará a quenda do ilustrador e editor Kiko Da Silva.

Finalmente, a profesora de sociolingüística e escritora Pilar García Negro, que vén de reeditar a súa obra Arredor de Castelao no século XXI, disertará sobre “O valor literario da obra de Castelao”.

Oferta de lecer
Coa fin de semana, as xornadas cambian de escenario e de ton, apostando por propostas culturais máis lixeiras, destinadas a chegar a novos públicos. O artista nedense Leandro Lamas porase á fronte do obradoiro de ilustración “Versioleandro ao Castelao”, destinado a maiores de 16 anos, na Casa da Cultura (sábado 26, a partir das 11 horas). E pola tarde (20 horas), teatro. Chega á vila “As vellas non deben namorarse”, versión do Grupo Airiños da peza teatral do ilustre rianxeiro.

E como colofón, o domingo 27, a partir das 12 horas, no marco do programa infantil de dinamización lectora, Lesme un conto?, prográmase na Casa da Cultura “Castelao para crianzas. Cantando, ilustrando e musicando a Castelao”, de Lela Edicións.

Lea también

Exponav acoge una conferencia magistral sobre la influencia de Álvaro de Bazán en la construcción naval del siglo XVI

    El museo de la Construcción Naval de Ferrol (EXPONAV) será escenario hoy miércoles …