O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Valdoviño, Alberto González, asinaron este venres 11 na sede da institución provincial o convenio que permitirá poñer en marcha as obras da nova senda ciclista e peonil que conectará a lagoa da Frouxeira co campo de fútbol de Meirás, a través da estrada AC-116 ao seu paso por Lago. No acto estivo tamén a deputada de Emprego, Industria e Medio Ambiente, Rosa Ana García.

O acordo formaliza a encomenda de xestión aprobada polo pleno municipal, pola que o Concello delega na Deputación a contratación e execución do proxecto.
A actuación, promovida polo Concello e financiada con fondos europeos Next Generation no marco do programa DUS 5000 para municipios en reto demográfico, suporá un investimento de preto de 400.000 euros. En concreto, destinaranse 377.248,91 euros á creación dun itinerario ciclista e peonil de 8 quilómetros, que favorecerá a mobilidade activa, a protección ambiental e a seguridade viaria.
O proxecto desenvolverase en tres tramos. O primeiro comprende a zona entre o estacionamento da praia e o camiño que bordea a lagoa, onde se construirá unha plataforma única con dous carrís bici de dobre dirección, un carril para corredores, e manterase o paseo de lousa para peóns, reducindo a calzada a un único sentido de circulación para vehículos.
O segundo tramo, desde Lago ata a estrada do faro de Meirás, contará cunha senda segregada mediante elementos de madeira, mentres que no terceiro, ata o campo de fútbol, instalaranse separadores de caucho e ampliarase a calzada con terreos municipais e da cooperativa de Meirás, que foron cedidos para facilitar a intervención.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso destacou que «proxectos coma este permiten avanzar cara a unha mobilidade máis sostible e segura, mellorando a calidade de vida da veciñanza e poñendo en valor espazos naturais singulares interese como a lagoa da Frouxeira».
Formoso enmarcou o proxecto na aposta da institución provincial pola mobilidade sostible, con iniciativas como a Vía Verde Compostela Tambre-Lengüelle, a maior de Galicia; a senda ZEC, con 26 quilómetros ciclables nos municipios de Abegondo, Betanzos, Bergondo e Carral ou a Rede Ciclista Metropolitana da Coruña.
Pola súa banda, o alcalde de Valdoviño, Alberto González, agradeceu a colaboración da Deputación para converter este proxecto en realidade e destacou a importancia da colaboración institucional para a acometelo.
O alcalde subliñou que a senda «é unha vella demanda que agora podemos facer realidade grazas ao traballo conxunto de Concello e Deputación e aos fondos europeos e que ademáis pode ter unha continuidade proximamente nun actuación que estamos abordando coa Autoridade Portuaria para que poda chegar ao faro da Frouxeira”.