O Pazo da Cultura de Narón acolle o X Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular

A décima edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular remata esta fin de semana coa representación das tres últimas obras do programa. Este venres 28 o Pazo da Cultura de Narón acolle ás 20:00 horas a estrea da obra “La Celestina”, da compañía arxentina Rey Marciali Producciones.

Unha peza protagonizada por Julieta Daga que é unha versión libre da actriz e de David Picotto sobre o texto de Fernando Rojas. Na xornada de mañá poderase ver a peza “Vicio houbo sempre”, da galega Atenea García, unha proposta de narración oral para público adulto na que se presentan historias de vida recollidas a mulleres que xa cumpriron os 80 anos. A obra dará comezo ás 20:00 horas.

A programación do festival pecharase cun espectáculo para público familiar e infantil, “Lúa quere viaxar a… Marte!”, da compañía galega A Xanela do Maxín. O Café Teatro do Pazo acollerá este espectáculo a partir das 18:00 horas. A protagonista da obra é Lúa, que tras dar a volta ao mundo sorprende á súa familia dicindo que quere viaxar a Marte.

As entradas dispoñibles para estes tres espectáculos poden adquirirse no despacho de billetes do Pazo ou na web do Padroado da Cultura: www.padroadodecultura.es. O Padroado da Cultura organiza esta nova edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular, que incluíu dende o pasado 7 de marzo varias representacións e actividades paralelas e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, da Xunta de Galicia e da Rede Eurolatinoamericana de Artes Escénicas.

Lea también

Rambalaya tendrá su única actuación en Galicia este sábado en el teatro Jofre

La mejor banda de soul de España, Rambalaya, ha escogido el teatro Jofre como el …