Os edís de TEGA, BNG e PSOE aprobaron unha proposta da Plataforma SOS Sanidade Pública que levou ao pleno o BNG como moción, solicitando as organizacións que forman parte da mesma unha maior atención Primaria nos centros de saúde e PACs, máis atención hospitalaria utilizando en horario de mañá e tarde os recursos instalados, reducindo as listas de agarda, restituíndo os centros privados ao sistema público… e incrementando o orzamento sanitario público potenciando a saúde pública e elaborando un plan de saúde galego que adapte os recursos ás necesidades.
Dende o Consistorio de Narón informouse que as persoas interesadas en acudir poderán utilizar –aboando 5 euros- o servizo de autobús que o propio día 6 de abril partirá das inmediación da oficina de Correos do Alto –rúa A Garda, 1- ás 10:00 horas. Será preciso inscribirse previamente a través dos números de teléfono 981 358 750 ou 680 922 151.
Así mesmo, no ámbito sanitario pasou a ser unha declaración institucional do pleno –ao apoiala os edís do PP- a moción presentada por TEGA, BNG e PSOE en apoio á queixa ante o defensor do pobo do sindicato de enfemería Satse, relativa á precariedade laboral dos profesionais de enfermería no sistema nacional de saúde. Dende o Concello ínstase aos ministerios de Sanidade e Administracións públicas a implementar medidas para cubrir o déficit de persoal e tamén á Consellería de Sanidade a mellorar as condicións laborais deste persoal, entre outras medidas. Profesionais do citado sindicato interviñeron ao remate do pleno para expoñer as súas reivindicacións.
Na sesión tamén saíu adiante por unanimidade unha moción do BNG sobre o centro cívico social de Pedroso, para acometer unha serie de melloras na construción, tal e como se ven facendo habitualmente nas instalacións municipais, segundo recordou o voceiro de TEGA, Román Romero.
Os grupos municipais do PP, BNG e PSOE presentaron tamén unha moción para a creación dun novo espazo canino no parque do río Freixeiro, sobre cuxa ubicación o goberno local puxo en dúbida a concesión dos permisos necesarios por parte das administracións supramunicipais, ao ser unha zona calificada de inundable.
O PP presentou unha moción, que se aprobou por unanimidade, para solicitar á Dirección Xeral de Mobilidade realizar un estudo para ampliar a liña de transporte de viaxeiros XG-642, dende o mercado de San Xulián, en Ferrol, ata o convento de Baltar, no Val.
Os socialistas levaron ao pleno unha moción para a creación dunha ordenanza reguladora da concesión de axudas para a conservación e rehabilitación de edificios de vivendas, que respaldaron os tres grupos da oposición.
Outra das mocións aprobadas por unanimidade foi a realización dun estudo para analizar a posible necesidade de cámaras de vixilancia no paseo de Xuvia, ante os recentes e reiterados actos vandálicos, unha proposta do PSOE e cunha enmenda do BNG.
Así mesmo, a corporación local levou tamén ao pleno unha declaración institucional da Coruña, saída do Encontro Internacional de Mulleres Electas, celebrado a finais do pasado ano na cidade herculina. A través deste encontró leváronse a cabo unha serie de traballos que plasman a realidade das dificultades e retos que aínda teñen as mulleres para acceder a cargos públicos, polo que se esixen no documento medidas para garantir a igualdade real entre mulleres e homes, impulsar políticas públicas de igualdade, practicar a sororidade e dar traslado ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, promotor da convocatoria.