Moeche se prepara este domingo para vivila a VII Feira do Queixo

O Concello facilita a asistencia á feira co Tren do Queixo, que sairá de Ferrol ás 10:45 horas, e Renfe comunica que se habilita un tren directo desde Ferrol  quince minutos antes do servizo regular, é dicir, ás 10 30 horas.

A feira presentouse por primeira vez no emblemático castelo de Moeche

O Concello de Moeche festexa a VII Feira do Queixo de Moeche, que se celebra este domingo día 30 no recinto feiral de San Ramón. O evento, que se desenvolverá a partir das 10:00 da mañá e durante todo o día, reunirá a 18 queixerías galegas e 15 do resto do Estado español ‐33 en total‐ así como outros 21 postos de alimentación, moitos pertencentes ao selo galego de Artesanía Alimentaria.

A feira presentouse por primeira vez no emblemático castelo de Moeche nun acto no que estiveron presentes a alcaldesa, Beatriz Bascoy; o xerente de Lácteos de Moeche, Domingo Pérez Martinez, e Raimundo Meizoso López, responsable comercial de Queixerías do Eume. Cada ano o Concello conta cunha queixería da comarca para o acto de presentación e así, xunto coa queixería local ‐Lácteos de Moeche‐ nesta ocasión estivo presente Queixerías do Eume.

Ademais, asistiron ao acto o alcalde de San Sadurniño e representante do Xeoparque Cabo Ortegal, Secundino García Casal; entidades veciñais, culturais e deportivas; hostaleiros e hostaleiras de Moeche; representantes das granxas do concello e da asociación gastronómica A Fame Neghra, entre outros.

A alcaldesa lembrou que é a histórica vinculación do queixo con Moeche o motivo polo que se decidiu organizar unha feira que naceu para acoller e promocionar o queixo artesán. Aínda que o de Moeche non conta cunha denominación de orixe, si ten ‐destacou Beatriz Bascoy‐ unha longa tradición no municipio: no recinto feiral sempre houbo unha “nave do queixo” e nas familias da contorna aproveitábase o excedente de leite para contribuír á economía doméstica vendendo os queixos na feira de Moeche.

O evento do domingo, dixo, está xa firmemente asentado no calendario de feiras do queixo e proba diso é que xa hai moitas Denominacións de Orixe de fóra de Galicia que piden estar presentes en Moeche, como este ano é o caso da asturiana Afuega’l Pitu. Ademais, como queixería convidada para esta sétima edición contarase coa tamén asturiana Asiegu, a única queixería ecolóxica cuxa produción se enmarca na Denominación de Orixe Protexida Cabrales.

Xunto aos queixos artesáns, a feira terá outros produtos de artesanía alimentaria como mel, chocolates, marmeladas e, por suposto, un posto de A Fusquenlla, a iniciativa dos concellos de Moeche, Cedeira, Cerdido, Narón, San Sadurniño e Valdoviño para que as pequenas explotacións e particulares poidan elaborar conservas vexetais de horta e froita, cogomelos, zumes, marmeladas, mel, etc.

De novo, como unha forma de apoiar este medio de transporte, o Concello facilita a asistencia á feira co Tren do Queixo, que sairá de Ferrol ás 10:45 e que ten horarios de volta desde Moeche ás 14.04, 17.29 e 19:18 horas. Á chegada a Moeche, un bus agardará os visitantes para trasladalos ata o recinto feiral

Asimesmo, Renfe comunica que se habilita un tren directo desde Ferrol que vai partir da Estación de Ferrol quince minutos antes do servizo regular, é dicir, ás 10 30 horas, directo á feira manténdonse o servizo regular das 10.45 horas con saída de Ferrol e paradas no percorrido.

No programa de actividades destacan as catas comentadas por Alejandro Montes, da Queixería Marqués de Valladares de Vigo, un dos nomes de maior prestixio no mundo dos queixos que, aínda que non adoita acudir a feiras, si participa na de Moeche. E non faltarán os sorteos nin obradoiros infanơs, de elaboración de queixo e de confección de flores con follas de millo. Os nenos que desexen participar poderán inscribirse no mesmo recinto feiral.

A parte musical correrá a cargo dos Cantaberneiros cos seus cantos de taberna e pechará a feira unha gala de maxia a cargo de Dani García. Desde a propia feira poderanse realizar visitas gratuitas ao castelo en dous buses con horario de mañá e tarde. Todo este programa, explicou a alcaldesa, ten como obxectivo que as familias pasen a xornada en Moeche e consuman ademais na hostalería do concello.

Durante a fin de semana, como anticipo da feira, diferentes establecementos hostaleiros da zona ofrecerán petiscos de queixo por cortesía de Lácteos de Moeche e o Concello. Esta acción é xa unha tradición nesta feira e desde o Concello de Moeche agradecen o apoio nesta promoción e o valor que adquire a feira como evento colectivo. Os negocios de hostalaeria serán: Casalexo e Taberna Ábaco, en Ferrol; El Mercado, en Narón; Trintaedous, en Pontedeume; restaurante Orillamar e cafetería Galaripos, en OrƟgueira, e en Moeche, Casa Sixto, Taberna Irmandiños, restaurante Delfino, Casa Pena, café bar Xambas, café bar Ubaldo‐A Tendiña e Mesón O Campo.

No acto de presentación, o xerente de Lácteos de Moeche, Domingo Pérez, destacou a importancia do sector lácteo na zona e o valor engadido para as gandeirías que resulta de iniciativas como a Feira do Queixo de Moeche. Pérez invitou á poboación a acudir ao evento e apostou por conƟnuar no camiño da innovación e a mellora continua.

Pola súa banda, Raimundo Meizoso, de Queixerías do Eume, subliñou que esta feira é todo un referente e expresou a súa satisfacción polo feito de que, duns anos a esta parte, os queixos e embutidos galegos teñan collido sona fóra de Galicia. Meizoso lembrou que Queixerías do Eume empezou como unha empresa familiar ‐hoxe xa traballa nela a cuarta xeración‐ e que, aínda que a súa produción incrementouse moito, o leite que utilizan segue a ser 100% galego e as súas 14 variedades de queixo ‐moitas delas premiadas‐ continúan a elaborarse co mesmo coidado.

Archivo-Feira do Queixo de Moeche 2024

PROGRAMA VII FEIRA DO QUEIXO DE MOECHE

10.00 horas Apertura da feira

11.45 Saída de bus ao castelo

12.00 horas Cata comentada (carpa actividades). Obradoiro infantil elaboración queixo (carpa actividades)

13.00 horas Música dos Cantaberneiros con “Cantos Tabernarios”

13:10 horas Cata comentada (carpa actividades). Obradoiro infantil de elaboración de flores con folla de millo

13.50 horas Saída do bus cara á estación de tren

14.15 horas Sorteos de lotes de produtos da feira

16.30 horas Saída do bus ao castelo

17.00 horas Obradoiro infantil elaboración queixo (carpa actividades). Obradoiro infantil de elaboración de flores con folla de millo (carpa actividades)

17.15 horas Saída de bus cara á estación de tren

18.20 horas Sorteos e peche da feira coa Gala de Maxia de Dani García

19:05 horas Saída do bus cara á estación de tren

Lea también

Sequeiro toma el relevo como sede de la XXII Muestra de Asociaciones de Valdoviño

Está organizada por las entidades vecinales, culturales y deportivas, con la colaboración del Ayuntamiento y …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *