Preto de 100 estudantes simulan, por segundo ano consecutivo, o funcionamento da ONU no Campus Industrial de Ferrol

As alumnas do segundo curso do grao en Relacións Internacionais, Sofía Castrillón e Teresa Hermida, están a organizar, por segundo ano consecutivo, unha simulación sobre o funcionamento da Organización das Nacións Unidas (ONU). O Modelo de Nacións Unidas (MUN), que é como se denomina esta experiencia de aprendizaxe, terá lugar, este xoves 27 e o venres 28 de marzo, na Aula Magna da Facultade de Humanidades e Documentación e no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol.

De esquerda a dereita, as alumnas do grao en Relacións Internacionais Sofía Castrillón (Avilés, 2005) e Teresa Hermida (A Coruña, 2005). Foto UDC

A segunda edición do CouMUN, nome co que estas dúas estudantes da Facultade de Humanidades e Documentación bautizaron esta simulación, reunirá a preto de 100 estudantes dos graos en Relacións Internacionais, en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos da Universidade da Coruña (UDC); do grao en Relacións Internacionais da Universidade de Vigo (UVigo); do grao en Relacións Internacionais, do dobre grao en Socioloxía -Relacións Internacionais e Experto en Desenvolvemento, e do dobre grao en Socioloxía – Relacións Internacionais da Universidad Complutense de Madrid (UCM) e máis do grao en Farmacia da Universidad Francisco de Vitoria (UFV).

No Modelo de Nacións Unidas (MUN), o alumnado participante pasa a ocupar o lugar dos embaixadores e embaixadoras dos países membros das Nacións Unidas para debater sobre algúns dos temas de actualidade recollidos na axenda da ONU. Deste xeito, o estudantado, baixo a figura dun delegado ou delegada, prepara borradores de resolucións estratéxicas argumentativas e realiza negociacións con países aliados e adversarios, ademais de resolver conflitos botando man das regras do Procedemento das Nacións Unidas.

Ao longo dos dous días, o estudantado participante simulará un total de cinco Consellos da ONU e unha organización internacional. No primeiro deles, o Consello Económico e Social, debaterán sobre os aranceis e o futuro do comercio global. No segundo, o Consello de Seguridade, afondarán no uso de armas nucleares e no proceso de desmilitarización do Ártico. Na terceira simulación analizarán o papel da organización internacional Unión Africana e estudarán como prever e resolver golpes de estado e conflitos internos en África.

A Axencia da ONU para as Persoas Refuxiadas, ACNUR, será a protagonista do cuarto consello, no que o alumnado analizará a crise humanitaria en Yemen e buscará o consenso para acadar unha resposta internacional para a protección das persoas refuxiadas. No quinto consello, titulado ONU Mulleres, debaterán sobre o impacto da crise actual en Afganistán no que atinxe aos dereitos das mulleres e, nesta simulación, contarán coa participación da
vicerreitora de Igualdade e Diversidade da Universidade da Coruña (UDC), Cristina López. No sexto e último consello, recrearán a Asamblea Xeral da ONU.

O programa desta segunda edición do CouMUN inclúe unha conferencia inaugural, prevista para o xoves 27, ás 16:30 horas, da man da alta funcionaria internacional da Organización Mundial do Comercio (OMC), María J. Pereyra. Uns minutos antes, terá lugar o acto de inauguración do Modelo de Nacións Unidas no que está previsto que participe o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Ricardo Cao; o alcalde do Concello de Ferrol, José Manuel Rey, e máis a decana da Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol, Manuela del Pilar Santos.

Relacións Internacionais, un grao interuniversitario e bilingüe

O grao en Relacións Internacionais impártese na Facultade de Humanidades e Documentación desde o curso 2022/23. É un grao interuniversitario coa Universidade de Vigo (UVigo). Os dous últimos anos serán os da especialización, o Campus Industrial de Ferrol oferta a mención en Cooperación Internacional para o Desenvolvemento e o Campus de Ourense a de Xestión de Proxectos Internacionais. Para acceder a este grao, o alumnado deberá acreditar un nivel B1 en inglés no momento de formalizar a matrícula, unha vez teña realizadas e superadas as probas ABAU e obteña a correspondente praza.

Lea también

O COAG Ferrol inaugura en Ferrol unha exposición dos carteis que Felipe Peña deseñou para as actividades culturais da Escola de Arquitectura da Coruña

Inaugurarase este xoves, ás 19 horas, no Centro Cultural Torrente Ballester e poderase visitar ata …