Antes do seu concerto, o domingo, 21.00 horas na Praza de Armas, o primeiro confirmado das festas de Ferrol, dende Galicia Ártabra conversamos coa galega eurovisiva Lucía Pérez.
O seu último concerto nas festas de Ferrol foi no 2010, no porto de Curuxeiras, nunha noite dun 31 de agosto. Este domingo volve coa súa banda á cidade coa que mantén un vínculo especial, ao ser unha das cofundadoras do certame O Talentiño, que este ano encheu o teatro Jofre e recibiu o premio Ártabro á Revelación que concede este diario.
–GA.- Que imos atopar no concerto deste domingo?
–L.P.-«Este domingo volto coa miña banda, formada por sete músicos, e coa bailarina ferrolá Eva Faraldo, nun concerto que forma parte da niña Xira “Tanto” e que será un repaso polos meus traballos discográficos ao longo
destes máis de 15 anos no mundo da música.
Haberá unha mestura de cancións nas que non faltará o folclore galego versionado ao meu xeito. Pero, en definitiva, pretendo que sexa un concerto dinámico no que toda a xente baile e desfrute. Quero que todos os ferroláns e
ferrolás pasen unha noite de festas inesquecible».
–G A.-Tes preparada algunha sorpresa?
–L P.-«Algo pode que haxa preparado, pero como ben dicides, se é unha sorpresa non o podo desvelar (risas). O que queira descubrilo que se achegue o domingo ás 9 da noite á Praza de Armas».
–G A.-Actuar en Ferrol ten para ti un valor especial?
–L P.-«A verdade é que si, e por moitos motivos. Teño un vínculo moi especial coa cidade.
Aquí teño familia e moi bos amigos, aos que visito sempre que podo. Ademais, con eses amigos que tanto quero teño un proxecto moi bonito como é O Talentiño, unha iniciativa á que lle teño un especial cariño.
De nena, os meus veráns pasábaos preto de Ferrol: adoitaba ir a Cedeira e, de cando en vez, achegabámonos á cidade. Desa época da infancia gardo recordos moi fermosos».
–G A.-A última vez que actuaches nas festas de Ferrol foi no 2010, concretamente o 31 de
agosto. Como o lembras?
–L P.-«Lembro que foi no porto de Curuxeiras, un lugar precioso desta cidade, e que chegou nun momento moi especial da miña vida, xa que ao ano seguinte fun a Eurovisión.
Aquela noite o porto estaba cheo de xente que desfrutou moito, e espero que iso se repita este domingo na Praza de Armas».
–G A.-Eres unha das fundadoras de O Talentiño, xunto aos ferroláns Joaquín Enríquez e Eva Faraldo, un proxecto que dá voz a mozos artistas de Ferrol e da comarca. Como naceu a idea?
–L P.-«Pois como xorden moitas ideas: nunha cea entre amigos. Parecéunos interesante crear un escaparate que lles dese voz a músicos e artistas novos, un certame semellante a tantos nos que eu mesma participei de nena e que tanto me axudaron. Eu nacín neles, foron unha escola marabillosa, e creo que este tipo de iniciativas sempre son positivas para quen quere comezar neste mundo.
A comarca de Ferrol ten moitísimo talento, como se comproba en cada edición de O Talentiño. Xa somos unha gran familia, e oxalá moitos dos rapaces que pasaron polo certame se acheguen este domingo á Praza de Armas».
–G A.-Que proxectos tes para os vindeiros meses?
–L P.-«O máis inmediato é viaxar a Arxentina e Uruguai no vindeiro mes de setembro e tamén a Chile con toda a miña banda, algo ao que lle teño moitas gañas porque gardo un recordo especial do meu paso polo Festival de Viña del Mar.
Ademais estarei no Día de Galicia en Asturias e estou ultimando o meu vindeiro single, que sairá case seguro en outubro».