O mes de marzo remata con parabéns e unha boa nova para Ares en materia de prevención da violencia de xénero e procura da igualdade entre homes e mulleres: a proposta presentada polo Concello vén de ser premiada e recoñecida tanto pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e a Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero, no marco do IX Concurso de boas prácticas locais a nivel nacional, dentro da categoría de “Impulso á formación de distintos axentes para garantizar a resposta especializada e integral ás mulleres víctimas”.
As dúas entidades convocantes trasladaron a súa felicitación ó Concello de Ares e enfatizaron a “calidade da proposta presentada, de gran interese para outras entidades pola súa eficacia, o seu carácter innovador e as posibilidades que ofrece para aplicarse noutros contextos”. Así, vén de ser recoñecido o traballo detrás das xornadas que se promoven ano tras ano no municipio aresán, centradas en materia de violencia de xénero e divulgación de problemáticas actuais.
O pasado luns 24 de marzo, formalizouse o acto de entrega de premios na sede da FEMP, en Madrid, á que acudiu o director do Centro de Información á Muller (CIM), José Luis Castro Feijóo, para a recollida do galardón.
No seu discurso, Castro Feijóo salientou “o recoñecemento ao traballo realizado desde cero nun recorrido de 17 anos” que supón o premio, e estendeu o seu agradecemento a “todas as persoas que fixeron posible ao longo dos anos” a materialización das xornadas de prevención e análise da violencia de xénero en anos, un esforzo colectivo dende o equipo técnico municipal e os responsables políticos, sobre todo no que atinxe á Concellaría de Igualdade e Benestar da entidade local.
“Estar aquí”, continuou o director do CIM, “é sinónimo de dedicación, paciencia e sacrificio, non só no caso de Ares, senón tamén das outras localidades galardoadas. Este é un premio que motiva e dá sentido ao esforzo cotián para erradicar a lacra social da violencia de xénero”.
Deste xeito, a vila convértese nun dos 16 municipios recoñecidos en toda España como referentes na posta en marcha de prácticas de calidade en materia de prevención e análise da violencia de xénero. Un premio do que estar orgullosos e que chega despois de moitos anos de traballo continuado sobre o territorio.