Máis de 600 estudantes de bacharelato e de FP Superior participan este martes 25 de marzo, entre as 09:30 e as 19:30 horas, na IV Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol.

Na quenda de mañá, visitará o campus o alumnado do IES Sofía Casanova, do IES Concepción Arenal, do IES de Canido, do IES Carvalho Calero e do IES Saturnino Montojo de Ferrol, así como do IES As Telleiras e do IES Terra de Trasancos de Narón, do IES Manuel Murguía de Arteixo, do IES Eduardo Pondal de Ponteceso e do IES de Mugardos. Pola súa banda, a quenda de tarde estará dirixida a un público máis familiar e dará comezo ás 16:30 horas.
O alumnado e o público xeral inscrito nesta xornada de portas abertas poderá achegarse á oferta formativa da Universidade da Coruña (UDC) no campus ferrolán a través de tres itinerarios: Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades ou Enxeñaría.
Ao igual que en edicións anteriores, o estudantado que opte polo itinerario de Ciencias da Saúde achegarase ata a Facultade de Enfermaría e Podoloxía, centro no que se imparten os grao en Enfermaría e Podoloxía. Pola contra, o alumnado que elixa o itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades visitará, en primeiro lugar, a Facultade de Humanidades e Documentación, onde se imparte o grao en Xestión Industrial da Moda e o grao en Xestión Dixital de Información e Documentación.
Desde o curso 2022/23, o centro acolle unha nova titulación, posta en marcha en colaboración coa Universidade de Vigo (UVigo), o grao en Relacións Internacionais. Ao igual que o grao en Xestión Industrial da Moda, esta titulación require dunha acreditación de nivel B1 de inglés que se fará efectiva no momento de formalizar a matrícula. No itinerario de Ciencias Sociais e Xurídicas + Artes e Humanidades inclúese tamén a visita á Facultade de Ciencias do Traballo, centro no que se imparte o grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos.
Pola súa banda, o itinerario de Enxeñaría levará ao estudantado inscrito na xornada ata a Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI) onde se imparte o grao en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento do Produto. Do mesmo xeito, o alumnado participante achegarase tamén ata a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) onde se imparten os graos en Enxeñaría Mecánica, en Enxeñaría en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Naval Oceánica, en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática e o Programa de Simultaneidade en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Naval e Oceánica.
A maiores, a escola oferta o grao en Enxeñaría Eléctrica, o primeiro grao dual do Sistema Universitario de Galicia (SUG), e o grao aberto en Enxeñaría Industrial, unha titulación que lle permite ao estudantado elixir a carreira que finalmente vai estudar no segundo curso optando así polo grao en Enxeñaría Mecánica, en Tecnoloxías Industriais, en Enxeñaría Eléctrica ou ben polo grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática.
Con todo, a Universidade da Coruña (UDC) prepara xa unha nova xornada de portas abertas, prevista para os días 10 e 11 de abril, na que o alumnado de bacharelato e de ciclos de FP Superior poderá coñecer as facultades e centros situados campus da Coruña, así como a súa oferta académica de grao.
Mesas informativas para coñecer todo o que ofrece a Universidade da Coruña.
Como novidade, nesta IV Xornada de Portas Abertas do Campus Industrial de Ferrol inclúese unha zona de mesas informativas, situada na Sala de Exposicións do Centro Cultural Universitario, onde o alumnado de bacharelato e de FP Superior participante poderá coñecer máis de preto varios dos servizos da Universidade da Coruña (UDC) como son Cultura, Deportes, Emprego, a Oficina de Cooperación e Voluntariado (OCV), a Oficina para a Igualdade de Xénero (OIX), a UDC Saudable ou os programas Afrontemos e Green Campus.
Do mesmo xeito, tamén poderán coñecer o traballo que realizan as asociacións estudantís, como a Delegación de Estudantes da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) ou Erasmus Student Network (ESN Coruña), e descubrir a Biblioteca Casa do Patín e a Biblioteca Ángela Ruíz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol.