Arranca na UDC, o Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos

A Universidade da Coruña (UDC) acolle esta semana as competicións de deportes colectivos do Campionato Galego Universitario 2025, que reunirán ás mellores seleccións universitarias de Galicia en 6 disciplinas deportivas: fútbol, voleibol, balonmán, futlbol sala, rugby 7 e baloncesto.

Nas probas, que comezan este mércores 12 de marzo, e continuarán ata o xoves, día 13, participarán preto de 500 deportistas das tres universidades públicas galegas (UDC, USC e Uvigo), con paridade absoluta entre homes e mulleres (246 en categorías femininas e 246 nas masculinas).

A primeira xornada, o mércores 12, a competición centrarase nas modalidades de fútbol, balonmán e voleibol, que se disputarán nos campos de San Pedro de Visma, no Pavillón de Deportes do Campus de Elviña e na Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da UDC. O xoves 13 será a quenda para o fútbol sala, o rugby 7 e o baloncesto, coas competicións repartidas entre o Pavillón da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da UDC (Bastiagueiro); o Estadio Universitario Mariña Dourada de Elviña e o Pavillón de Deportes do Campus de Elviña.

Sistema de enfrontamentos e calendario

En todas as modalidades haberá competicións tanto na categoría masculina como na feminina. O sistema de competición establece un formato de liga entre as tres universidades participantes. O primeiro partido xogarase entre a universidade organizadora (UDC) e a máis próxima xeograficamente (USC). No segundo partido, o equipo perdedor do primeiro encontro enfrontarase á universidade que se atopa máis lonxe (UVigo). Finalmente, no terceiro partido, o gañador do primeiro encontro enfrontarase á UVigo para definir a clasificación final.

O calendario establece que as competicións darán comezo ás 9:30, 10:00 ou 10:30 horas, coa primeira quenda de encontros, e prolongaranse ata as 14:00, as 15:30, 15:45 ou as 16:45 horas, cando se disputarán os últimos partidos de cada xornada, segundo a modalidade e categoría. A entrega de premios terá lugar, ás 17:30 horas os dous días.

Toda a información sobre horarios, localizacións e detalles das competicións, pódese consultar na web da Área de Deportes da UDC.

Un evento que promove o deporte universitario galego

O Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos está organizado pola Vicerreitoría de Divulgación, Cultura e Deporte da UDC a través da súa Área de Deportes, no marco da XXVII edición do Campionato Galego Universitario (CGU) que organizan, de xeito colaborativo e co apoio da Fundación Deporte Galego da Xunta de Galicia, as 3 universidades públicas galegas. O obxectivo da competición é promover os valores do deporte, a convivencia e o espírito competitivo saudable entre a comunidade universitaria.

En cada edición, a realización destes campionatos rotan entre as 3 institucións universitarias, sendo neste ano 2025 a responsabilidade da UDC a organización dos campionatos de deportes colectivos, mentres que a Universidade de Santiago de Compostela acolleu o campionato de orientación, o pasado 25 de marzo; e a Universidade de Vigo os campionatos de natación e vela, os días 25 e 27 de marzo.

Polo número de participantes e asistentes, este evento vaise consolidando como unha das citas deportivas máis importantes do calendario universitario galego.

Lea también

Baxi Ferrol última los detalles para la ida de la gran final de la Eurocup Women

El Baxi Ferrol última los detalles para la ida de la gran final de la …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *