A alcaldesa de Ferrol, Marián Ferreiro, presentou os actos cos que o Concello conmemorará o 8M, Día Internacional da Muller. Acompañada polas edís de Igualdade, María Lorenzo; Bibliotecas, Olga Ameneiro, e polo concelleiro de Deportes, Ibán Santalla, a rexedora local avanzou as diferentes propostas deseñadas para celebrar esta data, dirixidas a persoas de todas as idades.
O vindeiro luns día 3 e ata o 23 de marzo, iniciarase a convocatoria para unha exposición artística sobre Igualdade na Biblioteca. Dende alí convídase aos artistas da comarca a que participen nunha mostra colectiva que se programará para o mes de abril. “Trátase dunha proposta pensada para promover a reflexión e o debate sobre a igualdade a través da exposición artística”, indicou, funcionando a Biblioteca como un espazo de encontro.
Poderá participar calquera persoa maior de idade con obras relacionadas coa temática da igualdade (de xénero, diversidade de oportunidades, dereitos…). As obras poderán ser fotografías, pinturas, ilustracións, arte dixital… e non poderán exceder os 70 centímetros nin un peso de máis dun quilo.
Cada artista poderá presentar un máximo de tres obras, que teñen que ser orixinais e estar enmarcadas e que valorará un xurado especializado. As persoas interesadas en participar deben enviar un correo electrónico á dirección a.gonzalez@naron.gal indicando no asunto “Mostra artística igualdade” e facilitando o nome e apelidos do artista, o título de cada obra presentada, así como as dimensións e o peso das mesmas; un teléfono de contacto, fotografías das obras propostas en alta resolución e unha breve descrición de cada obra (máximo 150 palabras).
O xurado valoraráas o 27 de marzo e as persoas seleccionadas serán notificadas por correo electrónico ao día seguinte, debendo entregar as obras para a mostra ata o 31 de marzo, xa que a mostra estará aberta do 1 ao 30 de abril. Para obter máis información pódese chamar ao teléfono 981 382 173.
Na xornada do 8M a Biblioteca acollerá o contacontos infantil “O mundo ao revés”, ás 11:00 horas. A compañía Trémola Teatro traerá á cidade este espectáculo, co fin de promover a igualdade entre nenas e nenos a través dun conto. Jaime, un menor de oito anos apaixoado do fútbol, é o protagonista desta obra, e vivirá unha nova experiencia tras un traslado familiar a outro país no que case todas as grandes deportistas son rapazas. É un conto con perspectiva de xénero que convida ao público a reflexionar sobre os estereotipos e a igualdade dun xeito divertido e participativo.
Para poder asistir é preciso inscribirse previamente, a partir do mércores 5 de marzo ás 16:00 horas na Biblioteca ou chamando ao teléfono 981 382 173 no horario de apertura. Ese mesmo día celebrarase no Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia o acto institucional do 8M, no que se homenaxeará á Muller do Ano de Narón 2025, elixida por unanimidade da corporación local.
Posteriormente, o día 14 de marzo, haberá un acto público, a Cea da Muller, na que novamente se destacará a figura da homenaxeada. As mulleres que queiran asistir –o prezo da cea é de 35 euros- poden reservar a entrada no teléfono 650 144 527.
O día 9 de marzo celebrarase a cuarta edición da Carreira e Andaina pola Igualdade, organizada polo Concello e que dará comezo ás 10:00 horas. As inscricións poden tramitarse a través da web: www.carreirasgalegas.com ata o 5 de marzo.