Equiocio colle ton antes do inicio do Concurso Nacional tres estrelas Cidade de Ferrol

Comeza o espectáculo en Equiocio Ferrol. As primeiras probas do Concurso Territorial de Salto (CST) convértense nesta primeira xornada de competición -inédita ata a presente edición- no anticipo do que está por chegar. A partir deste venres, arranca en Covas a 34 edición do Concurso Nacional de Salto *** Cidade de Ferrol, que marca a excelencia do certame, e tamén o nacional de ponis.

Fuente Equiocio Ferrol

Esta primeira xornada 100 % galega serviu para evidenciar o papel do certame como gran festa da hípica da nosa comunidade e reivindicar a súa aposta por dar impulso á canteira. Foi ademais un aperitivo dos días grandes.

Do venres ao domingo, xinetes e amazonas de toda Galicia, de Madrid, de Asturias, de Murcia e unha nutrida delegación portuguesa, integrada por unha vintena de cabalos e deportistas de primeiro nivel, marcarán o nivel da competición, poñendo as mellores cotas de espectacularidade.

Segundo o director deportivo do certame, Federico Pérez Lago, haberá cada día unhas 260 saídas á pista central de Equiocio Ferrol que, na presente edición, concentra a totalidade das probas dos tres concursos (CST, CSN***, CNSP1).

Entre os nomes que destacan no listado de participantes, cómpre citar o do portugués Hugo Carvalho, dúas veces gañador do Gran Premio Cidade de Ferrol, proba raíña do certame; o de Javier González Fraga (“Fino”), vencedor da pasada edición que vén de ser coroado como o mellor deportista español do campionato europeo disputado en Casas Novas; ou o de Xabi Paz. Con todo, calquera pode dar a sorpresa.

Este venres a competición arrincará sobre as 10 horas co concurso de ponis, o mellor escaparate para desfrutar co empuxe da canteira. E a previsión é que as probas a priori máis espectaculares -alturas de 1,30 e 1,35 metros- disputaranse ao mediodía.

O CSN*** Cidade de Ferrol conta co patrocinio de Concello de Ferrol, Xunta de Galicia, Deputación da Coruña, Gadis, Estrella Galicia, Deporte Galego, Federación Hípica Gallega, J. Rilo, Integral Motion e a Comunidade de montes veciñais en man común de Covas e Esmelle.

Lea también

O COAG Ferrol inaugura en Ferrol unha exposición dos carteis que Felipe Peña deseñou para as actividades culturais da Escola de Arquitectura da Coruña

Inaugurarase este xoves, ás 19 horas, no Centro Cultural Torrente Ballester e poderase visitar ata …