Aprobación unánime da Axenda urbana Narón ´30 e solicitude de 9M€ da UE para cofinanciar o Plan de Acción Integrada

A corporación local de Narón aprobou por unanimidade no pleno celebrado esta tarde a Estratexia Territorial Integrada “Axenda Urbana e Plan de Acción Local Narón 2030”. Este documento, tal e como recordou o voceiro de TEGA, Román Romero, actuará como folla de ruta para marcar a estratexia e as accións a levar a cabo dende a administración local ata o ano 2030, co fin de acadar unha cidade cada día máis sostible.

O Concello elaborou a Axenda Urbana e o Plan de Acción Local Narón 2030 que, dende unha perspectiva transversal e integrada, orientan as accións a implementar nos vindeiros anos dende o Concello de Narón. Para elaborar estes documentos realizouse unha diagnose previa, contando coa participación de diferentes axentes sociais e a participación cidadá, co fin de definir conxuntamente os obxectivos a acadar e as diferentes actuacións que integran a estratexia a seguir. A Estratexia Territorial Integrada publicarase no portal de transparencia do Concello.

Outro dos puntos da orde do día aprobados na sesión plenaria foi a solicitude de asignación financieira de fondos europeos (FEDER) para financiar o Plan de Actuación Integrado denominado Plan EDIL Narón 2030 “Narón: as persoas primeiro”, elaborado por funcionarios municipais, para o período de programación 2021-2027.

Este plan conta cun orzamento de gasto de 15 millóns de euros, dos que un total de 9 millóns se corresponden coa axuda solicitada ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco da citada convocatoria.

O plan de financiación provisional contempla que a través de fondos propios da administración local se financiarían os 6 millóns de euros restantes, contía con cargo á que se acometerán as actuacións previstas, que se presentarán proximamente, unha vez rematados os trámites de presentación da documentación requerida para acceder ás axudas europeas.

O Plan EDIL Narón 2030, tal e como se avanzou, contempla importantes actuacións vencelladas ás áreas do saneamento, recuperación do patrimonio, medioambientais, accesibilidade, mobilidade, dixitalización, etc.

Na sesión aprobouse tamén por unanimidade a proposta de nomeamento da Muller do Ano de Narón 2025, que recibirá unha homenaxe nun acto público no que se desvelará o seu nome.

A maiores, coa abstención dos edís do BNG aprobouse o compromiso de adhesión á futura Asociación de concellos galegos afectados pola autoestrada de peaxe AP-9.

No apartado de mocións, aprobáronse por unanimidade a presentada polo BNG sobre unha actuación na estrada da Fraga, na parroquia do Val, sobre a que o goberno local xa ten un proxecto realizado e previsto executar.

Así mesmo, saíron adiante as do PP sobre actualización do PEMU, a do PSOE para crear aparcamentos express xunto ás farmacias –unha iniciativa que o grupo de goberno tiña xa en previsión para que a mediados de marzo se pinten e sinalicen- e outra para habilitar aparcamentos para motocicletas, dos que hai actualmente unha trintena.

TEGA, BNG e PSOE aprobaron unha moción sobre o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, e os tres grupos da oposición votaron a favor dunha moción do PP sobre a modificación da ordenanza fiscal número 13 e outra do BNG sobre subvencións nominativas.

Ao pleno deste mes tamén se levou unha declaración institucional para o Día Mundial das Enfermidades Raras.

Lea también

Narón súmase ao chamamento da Mancomunidade para un consumo responsable de auga

Os concellos da comarca manteñen dende xullo medidas de aforro, que continúan vixentes ante a …