O Concello de Narón celebra este sábado 1 de marzo o Festival de comparsas. A alcaldesa e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro, anunciou que participarán na convocatoria nove comparsas, que ás 17.00 horas partirán das inmediacións do pavillón da Mocidade (A Gándara)–onde se concentrarán ás 16:30 horas- cara á pista polideportiva da Solaina, donde se desenvolverá o propio festival.
A comitiva percorrerá as rúas Rafael Bárez, Estrada de Castela, avenida de Santa Icía e avenida da Solaina ata chegar á pista polideportiva, onde ás 18.00 horas dará comezo o Concurso de comparsas. Persoal de Teatro Ghazafelhos será o encargado de presentar este certame.
As formacións naronesas Tróupele, Tróupele, Os Argalleiros, Os Parrandolos, As Xoaniñas do Chao e Semente de Trasancos amenizarán a xornada xunto cos integrantes de Os Scratchados, de Fene; A Canteira, de Neda, A Revolta de Trasancos e Os Colludos, estas dúas últimas de Ferrol.
Durante o concurso, os integrantes destas comparsas interpretarán varios temas, que obrigatoriamente teñen que ter unha temática relacionada con Narón, nunha actuación dun tempo máximo de dez minutos. Todas as comparsas percibirán unha axuda económica pola súa participación, que será de 800 euros para as de Narón (co 75 % como mínimo dos seus compoñentes que residan na cidade) e 400 para as doutras localidades.
A orixinalidade dos disfraces, o enxeño da crítica feita na actuación, a calidade musical e o que cada actuación supoña de recuperación do Entroido en Galicia serán os apartados a ter en conta polo xurado á hora de conceder os tres premios, ás mellor puntuadas, que consistirán nunha figura conmemorativa do Día do Entroido.
A convocatoria tamén inclúe un concurso de disfraces con premios nas categorías individual, parella e grupos (ata seis persoas) de infantil e tamén de adultos. As persoas interesadas en participar poderán anotarse o mesmo día do certame, o sábado, na carpa onde se levará a cabo o festival de comparsas durante a celebración do mesmo.