Sedes, Narón acolle durante esta fin de semana o “25º Oenach Atlántico”

A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Turismo, Natalia Hermida, presentaron na campa do Trece, na parroquia de Sedes, a vixésimo quinta edición do Oenach Atlántico acompañadas por representantes da AVV Rosa dos Ventos e da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes, integrada por veciños da parroquia.

A cita festiva está declarada Festa de Interese Turístico de Galicia e aposta por rememorar a vida comunitaria nos castros cun variado programa de actividades pensadas para persoas de todas as idades, tal e como indicou Ferreiro.

A programación comezará este venres ás 18:00 horas, coa apertura da Feira de artesanía e do Mercadiño artesán e continuará ás 21:00 co tradicional acendido de lumes na campa, para a continuación desfrutar nunha noite de música galiciana do concerto de Xurxo Fernándes, que comezará ás 22:00 horas.

O sábado 2 de agosto a programación iniciarase coa feira e o mercadiño artesáns dende as 11:00 horas, momento no que tamén comezarán as actividades lúdicas para pequenos e maiores. A Charanga Alxibeira amenizará a zona a partir das 13:00 horas e ás 14:00 poderanse degustar menús dos postos de comida que se instalarán para a ocasión. Pola tarde, dende as 16:00 ata as 20:00 horas, o espazo lúdico retomará os xogos populares e ás 18:00 haberá un concerto de Paco Nogueiras, que presentará o seu traballo “Son animal”.

A Banda de Gaitas do Padroado da Cultura amenizará a sesión da tarde cunha parada etnográfica da música tradicional a partir das 19:00 horas e ás 22:30 horas levarase a cabo a tradicional “Noite do castro”, coa representación da obra “A viaxe de Martiño”, a cargo da veciñanza de Sedes. Na última xornada, o domingo 3, reabrirán a feira e o mercadiño artesáns ás 11:00 e tamén darán comezo as actividades lúdicas para pequenos e miúdos, ademais de realizarse unha Mostra de Can de Palleiro nas inmediacións da nave do recinto feiral do Trece.

O teatro regresará á campa ás 12:30 horas, coa representación de “Lendas castrexas”, a cargo da veciñanza de Sedes e ás 13:00 comezará a sesión vermú do Oenach, cun concerto de Boj no que este grupo de música folk presentará o seu disco “Hora Zulú”.

O espazo gastronómico abrirá a partir das 14:00 horas para servir novamente unha gran variedade de menús entre as persoas que queiran comer na zona. Os xogos populares do espazo lúdico regresarán ás 16:00 horas e dende as 18:00 poderase ver a obra “Historias para escagarriñarse”, de Teatro Ghazafelhos e dirixida a público familiar. Ao remate da obra, sobre as 19:00 horas, recrearase na campa castrexa o acto de clausura do Oenach e ás 20:00 será o concerto de clausura, este ano a cargo da formación de música tradicional Tres Pesos.

Unha das novidades desta edición é que se reforzarán os obradores participativos: con artesáns que traballarán no esparto, mimbre, alfarería, coiro, dous de talla de madeira, pedra, cerámica castrexa, e tamén se programou un taller divulgativo de forza e demostración dos procesos téxtis no mundo antigo. Así mesmo, incrementarase a oferta gastronómica para a xente que queira comer nas inmediacións da campa do Trece.

Dende o Concello e a veciñanza de Sedes animouse á cidadanía a acudir a esta cita e desfrutar da variada programación que se sucederá durante os tres días na parroquia de Sedes. Así mesmo, dende o goberno local agradeceron “a gran implicación, un ano máis, dos veciños de Sedes para poder levar a cabo esta convocatoria ano tras ano, poñendo en valor os nosos antepasados e o seu labor”.

Lea también

La academia de Baile All Dance Studio actúa este sábado 31 en Narón

El Centro Comercial Odeón acoge este sábado por la tarde la exhibición de la escuela …