A Deputación imparte 16 obradoiros xuvenís de IA, animación e efectos visuais

A Deputación da Coruña organiza en varios centros educativos da provincia 16 obradoiros para estudantes de Educación Secundaria sobre intelixiencia artificial, animación, efectos visuais e novos media.

Fuente Diputación de A Coruña

Os obradoiros pretenden espertar o interese da mocidade nas posibilidades profesionais destes sectores e fomentar os os estudos relacionados coas novas tecnoloxías, a programación e o deseño, sector con boas expectativas de inserción laboral. Ademais, con estes obradoiros tamén se pretende axudar a romper a fenda dixital de xénero, espertando o interese das rapazas por un sector moi masculinizado.

Así o explicou a deputada de Emprego, Rosa Ana García, que o martes 18 clausurou un dos obradoiros celebrado no colexio das Esclavas, na Coruña, onde tivo oportunidade de conversar co alumnado sobre a formación obtida no obradoiro e escoitar as súas opinións sobre o sector e as súas oportunidades que ten para o seu futuro formativo e laboral.

Outros centros nos que se están a impartir os talleres, son o IES Rego de Trabes, de Culleredo, o CPR Jesús Maestro, de Ferrol, o IES Saturnino Montojo, tamén de Ferrol, o CPR Santiago Apóstol, de Narón, o Seminario Diocesano, de Santiago de Compostela, aínda que o ciclo continuará noutros centros educativos da provincia.

Todos os contidos incluídos nos talleres son visuais e atractivos, a través de exemplos reais de producións e material didáctico, no que se explican as diversas técnicas, os estudos necesarios para realizalos, así como as saídas profesionais dos mesmos. O programa consta dos seguintes apartados: módulos de animación, nos que se repasan as distintas fases da produción; de efectos visuais, nos que se amosan exemplos de diversos tipos de proxectos, recursos empregados, saídas profesionais e tecnoloxías de vangarda, incluíndo áreas como o cine, a publicidade ou os metaversos.

Destacan tamén contidos específicos de videoxogos, a través dos que se realiza un repaso á evolución tecnolóxica e últimos avances no mundo dos videoxogos e os sistemas de aventuras gráficas interactivas en tempo real. As similitudes e diferenzas coa produción de animación e numerosos exemplos de uso ademais dos xa coñecidos xogos de shooter, en sectores como a educación ou a cultura.

Amósanse tamén as posibilidades da realidade virtual e aumentada na creación de todo tipo de experiencias en numerosos ámbitos profesionais, como son o turismo, a cultura ou a publicidade entre outros. Destaca tamén o módulo de produción virtual, no que se dan a coñecer novas formas de rodaxe que, a través dos sistema de contornas virtuais 3D, permiten non só a posibilidade de crear escenarios reais que interactúan cos actores e actrices reais, senón toda unha lista de novos perfís profesionais moi demandados para a realización en platós virtuais.

Por último, a intelixencia artificial é un dos contidos máis destacados nos talleres, como unha das tecnoloxías máis revolucionarias e que sen dúbida está supoñendo unha completa transformación en toda a sociedade e por suposto, tamén no mundo da creación dixital. Explícase de forma sinxela e moi visual, a través de exemplos baseados na IA Xenerativa, os aspectos máis importantes dunha tecnoloxía que está en boca de todos, pero que ata o momento resulta difícil de comprender. Con temas moi próximos á mocidade, como son os deportes, a moda, a música ou o cine, os mozos e mozas aprenden as infinitas posibilidades que a IA permite, o seu uso de forma correcta e ética, e os retos que supón para un sector que hoxe en día está descubrindo toda a súa potencialidade.

En definitiva, a través dos talleres explórase o mundo da animación, os efectos visuais, os videoxogos, a realidade virtual ou a intelixencia artificial, explicando cales son os perfís profesionais que se demandan en cada un destes sectores e a formación de estudos dos que se debe dispoñer para traballar en empresas que se dedican a estas producións.

Todo isto, de forma moi visual e didáctica, a través das experiencias de profesionais de recoñecido prestixio na industria audiovisual, como Alba Meijide, que con menos de 25 anos xa é toda unha autoridade no sector da IA e traballa asesorando a grandes empresas de diferentes ámbitos, nas posibilidades que ofrecen estas novas ferramentas

Lea también

La Xunta impulsa al comercio local con 74 acciones enmarcadas en el nuevo Plan Estratégico del sector

La Xunta de Galicia acaba de presentar el nuevo Plan Estratégico del comercio de Galicia …