A partir das 19:30 horas deste 20 de novembro na Alianza Aresana, a veciñanza poderá achegarse a esta peza audiovisual dirixida por Vera Varela que afonda na represión franquista partindo dos testemuños persoais de Loli Vázquez Anido e Pilar Iglesias.
O salón de actos da Alianza Aresana acolle este xoves 20 de novembro, a proxección de ‘Mugardos, lugar dos silencios’, un documental creado por Vera Varela para sacar á luz os efectos da brutal represión franquista na vila mugardesa e arredores.
A peza audiovisual sitúa o foco nas persecucións, os encarceramentos arbitrarios, as torturas, os asaltos ás casas… que se produciron durante a dictadura, accións que estiveron cubertas polo silencio até agora, no intre en que se verbalizan grazas aos testemuños en primeira persoa de dúas mulleres que sufriron de preto, nelas e nas súas familias, a represión franquista: Loli Vázquez Anido e Pilar Iglesias.
Son as súas voces as que conducen este relato documental marcado pola memoria histórica e democrática da nosa contorna máis próxima, nun exercicio de divulgación que lembra a relevancia de coñecer o pasado, de entender e recordar todo o que aconteceu no territorio que habitamos.
Galicia Ártabra Digital Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.
