O desfile de disfraces abre en Cedeira o Entroido

A Xunta de Goberno do Concello de Cedeira vén de aprobar as bases do concurso de disfraces que o vindeiro 1 de marzo abrirá as celebracións do Entroido na localidade. Ata o 27 de febreiro está aberto o prazo de inscrición para as diferentes categorías, entre as que se repartirán en total 5.200€ en premios.

Segundo establecen as bases -que estarán colgadas na sede electrónica do Concello a partir do luns, haberá as seguintes modalidades e premios:

Carroza: esta é unha categoría creada o pasado ano, na que se valora o uso dun carro, plataforma ou elemento móbil en relación coa temática do disfrace. Ten un premio de 300€, que podería sumarse, no seu caso, aos das comparsas, grupos ou asociacións e centro educativo.

Comparsa: para os grupos cun mínimo de 10 persoas, representando un mesmo motivo. Nesta categoría haberá premios de 1.200, 1.000 e 800€.

Grupo: para conxuntos de entre 3 e 9 persoas. Premios de 600, 400 e 300€.

Asociación ou centro educativo: esta modalidade, creada tamén o pasado ano, vai dirixida a impulsar a participación de grupos vinculados aos centros educativos ou asociacións de Cedeira. Require un mínimo de 10 persoas e que a maioría delas pertenzan ao colectivo que representan. A inscrición nesta modalidade é excluínte do resto. O premio é de 300€.

Parella: nesta categoría haberá un único premio de 200€.

Individual: dotado cun premio de 100€.

O desfile de disfraces será o sábado 1 de marzo a partir das 18.00 horas, saíndo da zona da estación de autobuses. A comitiva irá pola avenida Castelao, dará a volta ás dúas pontes e rematará na praza Roxa. O xurado designado polo Concello valorará o vestiario, a maquillaxe, o traballo feito a man, o emprego de materiais de refugallo, a orixinalidade, a coreografía, letra e música empregada no desfile, a simpatía e o número de participantes.

Nas bases recoméndase ás modalidades colectivas que fagan ao longo do desfile varias actuacións, que poderán realizar tamén ao rematar na praza Roxa. Está previsto que arredor das 23.30 horas, tras a deliberación doxurado, se dea a coñecer o fallo. Alí, na mesma praza Roxa, comezará a continuación unha verbena popular amenizada polo grupo Ritmo.

Tras o desfile de disfraces do día 1, un evento senlleiro en Cedeira e que adoita reunir a moita xente, a celebración do Entroido continuará. Ao día seguinte, o domingo 2 de marzo, haberá xogos e obradoiros a partir das 17.00 horas na praza Roxa. O mesmo espazo volverá acoller unha verbena o luns, día 3, a partir das 23.30 horas e coa orquestra Origen. Para o martes, 4 de marzo, o Concello programou unha tarde de inchables e obradoiros no Polideportivo e o 5, a partir das 18.00 horas, será o enterro da Sardiña, outra tradición que cada ano conta con unha destacada participación.

Lea también

Valdoviño celebra de nuevo a Rosalía haciéndola presente en A Frouxeira

El Ayuntamiento de Valdoviño vuelve a celebrar el Día de Rosalía haciéndola de nuevo presente …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *