Ortigueira e Mañón acollerán dous dos concertos do ciclo ‘Espazos Sonoros’ organizado por Patrimonio da Deputación

Música antiga, patrimonio e memoria volven ser protagonistas dun programa de concertos e actividades que ten lugar do 31 de agosto ao 4 de outubro en diferentes espazos senlleiros do patrimonio provincial.

De esquerda á dereita: a concelleira de benestar e igualdade de Curtis, Eva Lata; o deputado de Patrimonio, Xosé Penas; a directora artística do festival, Belén Bermejo; a artista Maria José Pámpano, de Suelen Estar Quartet, e o alcalde de Curtis, Javier Francisco Caínzos.

O lema “Escoitar con asombro, alento da memoria” protagoniza a nova edición de Espazos Sonoros, o ciclo organizado polo departamento de Patrimonio e Contratación da Deputación da Coruña no que se dan a man a música antiga e o patrimonio cultural e arquitectónico da provincia e que ofrecerá dous concertos en Mañón e en Ortigueira.

Il Concerto Intempestivo (no convento de Santo Antonio de Hérbón, Padrón, o 31 de agosto, ás 20.30 horas) abrirán unha programación que terá estoutras citas:

  • Domingo 7 de setembro, 17.30 horas: Vox Stellae (igrexa parroquial de Santa María de Bares, Mañón).
  • Sábado 13 de setembro, 19 horas: Alexia Chrysomalli & Óscar Antolí (Espazo Museístico da Carpintaría de Ribeira-Estaleiro do Ciprián, Outes).
  • Sábado 20 de setembro, 19 horas: Per-Sonat (santuario da Virxe do Camiño, Muros).
  • Sábado 27 de setembro, 17 e 18.30 horas: Paulina Ceremużyńska e Manuel Vilas (Santo Antoíño de Toques).
  • Domingo 28 de setembro, 12.30 horas: Suelen Estar Quartet (Centro Etnográfico do río Mandeo, Curtis).
  • Sábado 4 de outubro, 20 horas: concerto de clausura, con Rosana Orsini & ensemble freymut (Teatro de Beneficencia, Ortigueira).

Para o deputado, Xosé Penas, Espazos Sonoros é “un festival cun selo de calidade, onde participan os mellores grupos do panorama musical internacional, e que aposta polo complemento de actividades arredor dese eixo central da música e do patrimonio”. «Sempre na procura doutra maneira de sentir, escoitar e contemplar esa inmensa lista de patrimonio material e inmaterial que temos a sorte de ter».

Penas destacou tamén o labor do seu departamento e do equipo que dirixe Belén Bermejo para facer posible o festival: “Traballamos lonxe de modas temporais, lonxe de grandes concertos que, con inmensas e discutibles achegas económica pagadas por todos, tráennos cada ano máis do mesmo. Referiuse o deputado tamén á importancia de poñer en valor o patrimonio da provincia: “Un patrimonio rico, inacabable e en constante evolución que precisa da colaboración permanente das administracións públicas máis aló de cores políticas ou de gustos individuais das persoas xestoras”. Por iso, o seu departamento seguirá “apostando polo modelo que funciona en outros países europeos, da apertura de portas ao público en xeral, ese público fiel que nos acompaña ano tras ano, e que ao rematar o ciclo xa pregunta polo próximo”.

A directora artística do festival, Belén Bermejo, falou da “esencia nómade” como do trazo máis característico dun festival “á marxe das conxunturas marcadas polas modas, os ciclos políticos e os modelos culturais dominantes”. Tal e como explicou, “co paso do tempo, o festival faise maior e vai perdendo modelos aos que parecerse, agás a si mesmo. Reinventámonos en cada espazo, en cada encontro, para manter vivo o espírito dunha comunidade  nómade que, ano tras ano, sae á busca do benestar que proporcionan a música e os momentos compartidos”.

Outras actividades

Coma todos os anos, o ciclo propón unha serie de actividades vencelladas aos espazos, que permitirán afondar no coñecemento destes e das súas contornas, con visitas guiadas, percorridos pola natureza ou actividades para saber máis dos contidos musicais da programación. Entre elas destacan unha visita ao conxunto conventual de Santo Antonio de Herbón e á igrexa románica de Santa María (31 de agosto), unha xornada en Bares e visita ao faro (7 de setembro), a Ruta dos carpinteiros cos pés mollados (13 de setembro), unha ollada ao patrimonio histórico e industrial de Muros (20 de setembro), unha visita ao castro da Graña e á igrexa de Santo Antoíño de Toques (27 de setembro) e unha visita Visita ao Centro Etnógráfico do Río Mandeo e paseo sonoro polo río Carregal (28 de setembro).

Os concertos son de balde e a entrada libre, agás para os recitais en Santo Antoíño de Toques e no Centro Etnográfico do Río Mandeo, que precisan inscrición previa, o mesmo que as outras actividades do programa. Na web do ciclo, espazossonoros.org, podedes consultar a programación polo miúdo e como e en que prazos realizar as inscricións.

Lea también

A pista multideporte do poboado da Madalena en As Pontes, avanza a bo ritmo

O Poboado da Madalena contará proximamente cun novo espazo lúdico e deportivo coa inminente entrada …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *