A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse este mércores 12 a Santiago de Compostela para reunirse co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, co fin de abordar conxuntamente diversas actuacións vencelladas coas áreas de deportes, mobilidade e emerxencias. No encontro estiveron tamén presentes o concelleiro de Deportes de Narón, Ibán Santalla, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete.
A rexedora local solicitou a reunión co representante da Xunta para requerir a colaboración da administración autonómica co fin de poder cofinanciar algunhas desas intervencións. A alcaldesa explicoulle ao conselleiro algunhas das últimas actuacións impulsadas dende o goberno local no ámbito deportivo, como as novas instalacións do club de remo, na Gándara; a reforma do local do club de piragüismo, en Xuvia, e tamén a construción do campo de tiro con arco no polígono de Río do Pozo. Uns investimentos que en conxunto ascenden a 600.000 euros.
Co fin de continuar mellorando os equipamentos municipais e atendendo as necesidades que presentan os clubs deportivos locais, dende o Concello analízase a viabilidade de recuperar e reformar o antigo local do club de remo –onde gardan os bateis- e tamén de habilitar un espazo en Xuvia para que poidan gardar as piraguas.
Dúas das propostas para as que dende a administración local se solicita a colaboración da Xunta de Galicia. Esa mesma colaboración plantexouse tamén para construír un campo de herba artificial de fútbol 7 en Sinde, na parroquia do Val; uns novos vestiarios para o estadio de Río Seco, un módulo cuberto para o atletismo e unha grada para o campo de fútbol do Cadaval.
En materia de mobilidade a alcaldesa recalcou a necesidade de implantar unha liña SIMU na cidade para atender as necesidades do alumnado que se traslada en autobús aos institutos locais, unha opción que se aposta por ampliar, trala demanda formulada por centros formativos, ao polígono de Río do Pozo.
O Concello aposta por implantala e asumir os custes temporalmente ata que se licite e adxudique o novo contrato do plan de transporte metropolitano, que o incluiría nos plegos. Dese plan falou tamén Ferreiro debido ao gran incremento no gasto que se factura aos concellos, que se estimou no ano 2020 en pouco máis de 50.000 euros entre 2020 e 2024 e que no último exercicio case se duplicou, reclamándolle a Xunta ao Concello 97.985 euros no citado concepto do servizo. Así mesmo, na área de Emerxecias, a alcaldesa abordou co conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a situación do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento (SPEIS) de Narón, de carácter municipal.
Ferreiro destacou o esforzo inversor realizado no seu día dende o Concello para poñelo en marcha e tamén a aposta polo memo, ampliando dende a súa constitución, no ano 2015, tanto o plantel como o equipamento e as instalacións, plantexando unha necesaria ampliación destas últimas e requerindo tamén colaboración autonómica para poder manter nas mellores condicións un servizo esencial para a cidadanía.
A rexedora local valorou a receptividade do conselleiro á hora de interesarse polas actuacións plantexadas e amosou a súa confianza en que “poidamos contar coa colaboración da administración autonómica para materializar proxectos, mellorando e ampliando os servizos que se ofrecen á cidadanía de Narón e tamén, como no caso das instalacións deportivas, a persoas doutros concellos”.