Fene promociona o seu turismo cultural e o Street Art en Fitur 2025

O Concello avanzou as datas dos seus eventos culturais máis destacados e reivindicou o papel de Fene no panorama mundial do arte urbano.

Concello de Fene está a participar activamente na Feira Internacional de Turismo (FITUR), que se celebra esta semana en Madrid, para promover o seu turismo cultural e destacar o seu papel no ámbito do arte urbano a nivel mundial. Representado pola tenente de alcalde, Sandra Permuy, e a concelleira de promoción económica e turismo, Ángeles Coira, o concello presentou a súa oferta cultural e participou na presentación da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, na que se puxo en valor a relevancia do Street Art a través de iniciativas como o Perla Mural Fest.

Na súa primeira edición, o Festival logrou o recoñecemento mundial co mural “A violonchelista de Fene”, obra de Sfhir, que foi premiado como o Mellor Mural do Mundo en 2024. Este ano, Fene volve aspirar ao galardón con “O charanguista andino”, creado polo artista Cristóbal Persona. O Concello anima á cidadanía a apoiar esta candidatura votando a través da plataforma Street Art Cities antes do 31 de xaneiro.

Anuncios de eventos clave para 2025

Durante a feira, as representantes municipais adiantaron as datas dos eventos culturais máis destacados de Fene, que consolidan o seu atractivo turístico. Así, na primavera celebrarase a Xuntanza de Palilleiras (26 de abril) e o X Encontro de Lavandeiras de Sillobre (3 de maio), para dar paso a un verán de festivais. O III Perla Mural Fest celebrarase entre o 28 de xullo e o 3 de agosto; o Felicia Pop o 1 e 2 de agosto e, finalmente, o Fenerock entre o 5 e o 7 de setembro.

«Estes eventos son unha mostra da riqueza cultural e creativa de Fene, que se converte en referencia tanto para o turismo local como internacional», sinalou Ángeles Coira, quen subliñou o impacto positivo do arte urbano e das actividades culturais na dinamización económica do municipio.

Compromiso cun turismo de calidade

Sandra Permuy destacou que a participación en FITUR «permite aprender das novas ferramentas do sector e establecer contactos con empresas innovadoras para mellorar a experiencia dos visitantes en Fene. Apostamos por un turismo de calidade e sostíbel, que valore tanto a nosa tradición cultural como o potencial contemporáneo».

Pola súa banda, Ángeles Coira engadiu que «Fene non só é unha parada no Camiño Inglés, senón tamén un destino cultural e artístico único. Queremos que a nosa oferta sexa recoñecida pola súa autenticidade, e FITUR é unha plataforma perfecta para mostrar o noso potencial».

Con esta participación, o Concello de Fene reafirma o seu compromiso coa promoción turística e cultural, converténdose nun actor destacado na escena galega e internacional.

Lea también

Karmento con su gira de ‘La Serrana’ llegará al Jofre de Ferrol el 22 de marzo

Karmento reanuda la gira de su último álbum el próximo 31 de enero en LA SALA del …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *