Xosé Regueira participou no acto do referente xeolóxico mundial no stand de Xeoparques España que presentou o destino baixo o lema “Unha viaxe ao interior do Xeoparque Cabo Ortegal”, “froito do traballo conxunto da Deputación cos concellos do territorio”.
O Xeoparque Cabo Ortegal e a súa presentación no stand de Xeoparques España marcaron a actividade da Deputación da Coruña na segunda xornada de Fitur. O vicepresidente e responsable da área de Turismo, Xosé Regueira, destacou o traballo da entidade provincial na posta en valor deste destino. “No 2016 comezábamos unha viaxe ao interior da terra co inicio dos trámites para conseguir o certificado da UNESCO co que afortunadamente conta hoxe a comarca do Ortegal. Hoxe iniciamos unha viaxe ao interior do xeodestino, unha moi boa nova porque significa que os concellos están traballando conxuntamente no produto turístico”.
Regueira salientou, neste sentido, o “esforzo” da Deputación que, “ademais do investimento económico, consistiu nun traballo de colaboración cos concellos para configurar entre todos un produto turístico de enorme calidade que, ademais de poñer en valor a paisaxe e os recursos naturais e gastronómicos, nos permite diverisificar turismo durante todo o ano”.
O Xeoparque Cabo Ortegal foi nomeado no 2023 Xeoparque Mundial da UNESCO, despois dun longo traballo conxunto entre os concellos implicados (Cariño, Cedeira, Cerdido, Moeche, Ortigueira, San Sadurniño e Valdoviño) e a Deputación. O Xeoparque supón novas oportunidades para desenvolver un turismo sustentable. Proba diso foi a concesión dun dos Plans de Sustentabilidade Turística en Destino (PSTD). Dous proxectos (a consecución do selo UNESCO e o PSTD) que contaron cun investimento por parte da Deputación que alcanzou os 2 millóns.
“Hoxe participamos como invitados nun acto que organiza a asociación de municipios do Cabo Ortegal, e esa é a gran noticia. Estase traballando en conxunto, con perspectiva local, e en colaboración coas administracións publicas, avanzando nun proxecto que ademais xera tantas oportunidades para a poboación residente”, destacou Regueira.
O vicepresidente tamén destacou o potencial dos xeodestinos de Barbanza e Arousa e da Costa da Morte durante as súas presentacións.
A presentación da campaña “Sempre quereremos volver”, da Mancomunidade de Municipios de Barbanza – Arousa, foi outra das exposicións nas que Regueira recalcou “a diversidade e beleza desta provincia”. Referiuse a Barbanza Arousa como “un destino intelixente, maduro dentro do escaparate turístico de Galicia, que sabe tratar moi ben á xente, que por suposto sempre quere volver”. “Un territorio”, engadiu, “que conta con produtos turísticos de primeiro nivel e con recursos difíciles de atopar noutras partes, e un destino enogastronómico de primeira que ademais conta cun proxecto Next Generation sobre a tradición conserveira”, sinalou o vicepresidente, que rematou animando aos asistentes a que “vaian ao territorio, o coñezan e o desfruten”.
O vicepresidente tamén participou na presentación da iniciativa de promoción turística da CMAT “Costa da Morte, Naturalmente Salvaxe”. Deste xeito, a segunda xornada de Fitur rematou para deixar paso ao Camiño de Fisterra-Muxía, que terá o seu espazo de presentación en Turespaña, despois dunha primeira exposición no pavillón de Galicia.