O CIMIX acolle en Narón a I Xornada sobre Patrimonio Industrial de Ferrolterra

O Centro de Interpretación dos Muíños Industriais de Xuvia (CIMIX) acolleu este sábado 14 en Narón unha xornada sobre o Patrimonio Industrial de Ferrolterra. É a primeira vez que este centro acolle unha xornada de conferencias, organizada pola Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol coa colaboración da Deputación da Coruña, e que reuniu a expertos e público en xeral para reivindicar a riqueza do pasado e presente industrial da zona.

Fuente Concello Narón

Na inauguración da xornada a deputada provincial, Rosa Ana García López, celebrou a coordinación entre administracións que fixo posible o CIMIX. “Un dos maiores expoñentes do compromiso do Concello de Narón co patrimonio industrial”, como asegurou o tenente de alcalde do concello de Narón Manuel Antonio Ramos.

Acompañou nesta presentación o xerente da Mancomunidade, Luis Alcalá. A xornada, que se desenvolveu ao longo de todo o día, conta cun programa de gran nivel, con recoñecidos expertos, como Manuel Lara Coira, presidente da Asociación BUXA, cun intenso labor de defensa deste patrimonio esquecido. A continuación, María Begoña Bas López, destacada etnógrafa e profesora da Universidade da Coruña, afondou no mundo dos muíños de Ferrolterra.

Pola súa banda, Lorena Cuevas Buján, técnica en xestión do patrimonio, centrouse na construción naval na ría de Ferrol e a identidade que xera na veciñanza.

Fuente Diputación de A Coruña

Rosa Ana García López subliñou no seu discurso o papel histórico de Ferrolterra como enclave estratéxico para o desenvolvemento industrial, destacando fitos como os estaleiros de construción naval, pioneiros a nivel nacional e internacional, ou a produción industrial iniciada hai máis de 200 anos en lugares como o propio Muíño de Xuvia. Este espazo emblemático, datado no século XVIII, foi recentemente rehabilitado grazas á colaboración entre a Deputación da Coruña, o Concello de Narón e os fondos EDUSI da Unión Europea, cun investimento de 1,6 millóns de euros.

A deputada destacou que “a industria non pode ser só o pasado de Ferrolterra, senón que tamén debe ser o seu futuro”. Neste sentido, puxo de relevo o potencial dos novos estaleiros 2.0, a aposta polas enerxías renovables e o desenvolvemento do sector forestal como claves para garantir un emprego estable, innovación e sostibilidade.

Fuente Diputación de A Coruña

As xornadas abordaron tamén o potencial do patrimonio industrial como motor cultural, social e económico. Espazos como o CIMIX exemplifican como a recuperación e posta en valor destes lugares poden converterse nun reclamo turístico e nun recurso para repensar o futuro económico da comarca.

A xornada continuou cun bloque dedicado a casos de boas prácticas na recuperación e posta en valor do patrimonio industrial. Concepción Fernández, directora de Museos, Patrimonio e Cultura da Fundación Ciudad de la Energía-CIUDEN de Ponferrada, compartiu a experiencia da transformación dunha antiga central térmica nun museo vivo e espazo cultural.

Inés Gil Piñeirúa, axente de Desenvolvemento Local Oscos-Eo, presentou o caso de Taramundi como referente no turismo rural. Pola tarde, os asistentes poderán gozar dunha excepcional visita guiada ao muíño das Aceas de Xuvia con Begoña Bas e ao recentemente inaugurado CIMIX.

Durante o percorrido, coñeceron de preto a historia e o funcionamento destes importantes elementos do patrimonio industrial de Narón.

Lea también

Inscrición en Narón para que os menores participen como paxes na Cabalgata de Reis

O Concello de Narón abre este mércores 18 ás 9:00 horas o prazo para participar …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *